A Asemblea de Coia explicará a súa loita en toda Galicia, "tecendo redes de defensa"

Cartaz das actividades programadas para esta semana en toda Galicia © Asemblea Aberta de Coia

A Asemblea Aberta de Coia e Baladre (Coordinación de loitas contra o paro, o empobrecemento e a exclusión social) organizan a vindeira semana un ciclo de palestras e proxeccións por toda Galicia en solidariedade coa loita na rotonda de Coia, baixo o título: “Quérennos en soidade, téñennos en común”. A xira, que comeza este domingo 8 en Ponferrada e rematará o sábado 14 en Vigo tras pasar por Ferrol, Ourense, Baiona, Nigrán e Pontevedra, busca sumar apoios ante o xuízo que o 17 de xaneiro ten Diego Lores, unha das persoas "represaliadas" na loita contra a instalación do barco Bernardo Alfageme nunha rotonda deste barrio vigués.

A xira, que comeza este domingo 8 en Ponferrada e rematará o sábado 14 en Vigo tras pasar por Ferrol, Ourense, Baiona, Nigrán e Pontevedra, busca sumar apoios ante o xuízo que o 17 de xaneiro ten Diego Lores

Lores está acusado de agredir un policía municipal durante unha carga de antidistubios contra unha das protestas veciñais. Pídense para el 3 anos e medio de cárcere, xunto a unha responsabilidade civil de 30.355,84 euros. A entidade veciñal denuncia que as protestas foron pacíficas en todo momento e que non existen probas para acusar a Lores. De igual xeito, sinala que o proceso xudicial busca servir de exemplo ao resto dos e das integrantes da Asemblea Aberta e de amedrentar o resto de movementos sociais: "Diego sempre foi unha das caras máis visibles da loita da rotonda de Coia, polo que creemos que o seu procesamento non é casual. Pretenden que pague por toda a veciñanza, para que quede claro que sucede coas voces disonantes".

A entidade subliña que "na instrución do procedemento foi tal o cúmulo de contradicións e incongruencias por parte da acusación particular, que a propia fiscalía, en dúas ocasións, rexeita formar parte do proceso". Así, o día 17 de xaneiro non haberá acusación pública, pois "o ministerio fiscal non aprecia indicios de delito, pese a todo o manifestado dende o goberno municipal", sinala a Asemblea Aberta de Coia, só acusación particular, a da Policía Local de Vigo.

Nos actos participarán veciños e veciñas de Coia acompañadas de persoas que participaron en diferentes loitas "co obxectivo de partillar experiencias e tecer redes na defensa doutras vidas"

As palestras irán acompañadas da proxección da curta #MoitoPeixeRompeARede, que repasa o desenvolvemento deste conflito. "Con estas actividades queremos poñerlle voz e corpo ás mobilizacións veciñais na defensa do ben común, da vida. Coñecer as resistencias das que visualizan a inxustiza existente tras a cidade capitalista. Coñecer as arelas daquelas que pulan por colocar a vida e os dereitos sociais de todas no centro. Reflexionar sobre a solidariedade e o apoio mutuo como ferramentas fronte a represión das que traballan pola xustiza social", salientan. Nos actos participarán veciños e veciñas de Coia acompañadas de persoas que participaron en diferentes loitas "co obxectivo de partillar experiencias e tecer redes na defensa doutras vidas que paguen a ledicia de seren vividas".

 

Calendario de actividades

  • Ponferrada. Domingo 8 xaneiro ás 15h00. Magaz de Arriba (Ponferrada)
  • Ferrol. Luns 9 xaneiro ás 19h00. Ateneo Ferrolán (Rúa Magdalena, 202-204)
  • Sabarís (Baiona). Martes 10 xaneiro ás 20h00. Casino de Sabarís (rúa Julián Valverde, 33)
  • Ourense. Mércores 11 ás 20h00. A Galleira (Praza de San Cosme)
  • Nigrán. Xoves 12 xaneiro ás 20h00. A Casa Colorida (Rúa Rosalía de Castro, 16)
  • Pontevedra. Venres 12 ás 20h00. Casa das campás (Rúa Don Filberto, 9)
  • Vigo. Sábado 14 ás 19h00. CS Faísca (Rúa Toledo, 9)
Cartaz das actividades programadas para esta semana en toda Galicia © Asemblea Aberta de Coia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.