A Asemblea pola Defensa da Uvigo chama a concentrarse para frear a rebaixa salarial

Manifestación celebrada a comezos de maio Dominio Público Asemblea pola Defensa da Uvigo

A Asemblea pola Defensa da Uvigo convoca a unha concentración este luns ás dez da mañá no Paraninfo da Universidade, coincidindo co inicio do Claustro. A plataforma, formafa por profesores, persoal administrativo e estudantes, protesta contra a rebaixa salarial do 5,4% aprobada pola Xunta, e que xerou un gran malestar tamén entre os reitores das tres universidades galegas.

O pasado 4 de xuño celebrouse en Vigo unha asemblea informativa e deliberativa para opoñerse á rebaixa salarial e que acordou unha táboa reivindicativa dirixida aos órganos de decisión da Universidade. Demandan a "paralización inmediata da aplicación da rebaixa salarial", a "negociación transparente, real e non pechada sobre a aplicación de tal rebaixa salarial", o reequilibro do peso da rebaixa salarial noutras partidas menos prioritarias (cargos académicos, comisionados, etc.), a reapertura de la mesa de negociación e tamén "o cese do xerente e do equipo xerencial pola súa conduta despreciativa coas reivindicacións laborais dos traballadores e das traballadoras da Universidade de Vigo".

Daquela advertían que "de non producirse unha inmediata paralización da rebaixa salarial e un proceso real de negociación", abriríase "un proceso de mobilización" que incluiría a creación de piquetes informativos sobre o alcance real da rebaixa salarial, a solicitude de dimisión aos cargos académicos (coordinadores/as de graos, de másters, de áreas, decanos/as) como medida de protesta, a solicitude ao PDI da Universidade de Vigo de atrasar ou non entregar as actas de finais de curso e un "peche indefinido na Reitoría".

Manifestación celebrada a comezos de maio Dominio Público Asemblea pola Defensa da Uvigo
Universidade de rúa realizada pola Asemblea Pola Defensa da UVigo Dominio Público Asemblea Pola Defensa da UVigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.