A Asociación de Medios en Galego presentouse aos catro Grupos Parlamentares

Xuntanza cos responsables do Grupo Parlamentar do PSdeG, Pablo García, Abel Losada e Manel Gallego CC-BY-SA AMG

A recentemente constituida Asociación de Medios en Galego mantivo este martes 16 de xullo o seu primeiro contacto cos 4 grupos parlamentares galegos. Varios membros da entidade tiveron reunións no Parlamento Galego con representantes do PSdG, BNG, AGE e PP, ademais doutra cita co Colexio de Xornalistas.

A entidade presentou as súas liñas estratéxicas de actuación. Unhas propostas que sempre van encamiñadas ao mantemento, promoción e dignificación da lingua galega, á súa presencia nos medios, así como a profesionalización do sector. A organización propón establecer un marco de relacións entre institucións e medios que abranga tres lexislaturas. Así mesmo, avanzou a súa intención de comezar a traballar consensuadamente na creación dunha Lei de Publicidade Institucional, unha vez que o actual Decreto rexe dende o ano 1999, cando a realidade mediática do país era singularmente diferente.

A entidade avanzou a súa intención de comezar a traballar consensuadamente na creación dunha Lei de Publicidade Institucional

A resposta dos diferentes grupos foi positiva. A primeira reunión celebrouse co PSdG. Pablo García, Abel Losada e Manel Gallego escoitaron as súas propostas e trasladaron a súa receptividade e disposición a facer de “altofalante” no Parlamento. Pola súa banda, Xesús Ron e Ramón Vázquez, de AGE, foron tamén receptivos coas suxestións. Por parte do BNG, foron Monste Prado e Francisco Jorquera os que escoitaron aos voceiros da entidade e amosaron a súa “plena disposición a apoiar”. Mentres que Pedro Puy, Marta Rodríguez Arias e José Manuel Agra amosaron a intención do Grupo Parlamentario Popular a analizar as proposicións da Asociación.

Se ben a Asociación de Medios en Galego segue en proceso de crecemento, a día de hoxe está formada por 15 medios (Galicia Confidencial, Tempos Novos, Novas da Galicia, Radiofusión, rede de emisoras municipais galegas, Praza Pública, Valmiñor.info, Quepasanacosta.com, xornal dixital da Costa da Morte, Certo, Xornal da Barbanza, Compas da Costa, revista dixital da Costa da Morte, Sermos Galiza, Cadernos de Comunicación e Análise, Terra Chá Xa, A Voz de Vilalba, Cronica 3, xornal dixital da Mariña Lucense e A Nova Peneira).

Xuntanza cos responsables do Grupo Parlamentar do PSdeG, Pablo García, Abel Losada e Manel Gallego CC-BY-SA AMG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.