A Asociación Veciñal de Teis pídelles a PSOE e PP que expliquen os "intereses" na privatización do centro cívico

Mobilización dos e das veciñas de Teis ante o Concello © AA.VV. de Teis

A Asociación Veciñal de Teis convoca unha asemblea este martes ás 19 horas para informar á cidadanía dos plans do Concello para privatizar o centro cívico do barrio. Posteriormente, terá lugar unha manifestación en defensa da xestión veciñal do centro. Denuncian que o goberno municipal, presidido por Abel Caballero "apoiado nun PP de Vigo entregado e que actuou como cómplice necesario", vén de aprobar uns orzamentos que expulsan a asociación da xestión dunha instalación para o barrio que foi promovida hai dez anos pola propia entidade veciñal e xestionada por esta desde entón.

A xestión do Cívico pasará ás mans dunha concesionaria privada. A entidade veciñal pídelle a PP e PSOE que expliquen "que interese teñen en colocar a esta concesionaria no funcionamento do Cívico". 

"O actual alcalde considera que se está con el ou contra el e, na mellor tradición caciquil, emprega recursos públicos para beneficiar os seus apoiantes ou para retirárllelos a aqueles que non aplauden con enstusiasmo as súas ocorrencias"

A Asociación sinala que as relacións da entidade co actual goberno municipal "estiveron marcadas pola normalidade institucional até que a nosa Asociación realizou críticas, ou simplemente expresou a súa opinión disconforme, perante accións do goberno presidido por Caballero. É nese momento no que as relacións se deterioran e, desde o Concello, se trata de afogar a Asociación". Engaden que "o actual alcalde considera que se está con el ou contra el e, na mellor tradición caciquil, emprega recursos públicos para beneficiar os seus apoiantes ou para retirárllelos a aqueles que non aplauden con enstusiasmo as súas ocorrencias".

Afirman que a Asociación "é represaliada unicamente por manter a mesma postura que durante os seus case 39 anos de existencia: opinar, achegar propostas e reclamar para Teis con independencia das cores do goberno municipal". E afirman que "o propio PP, cómplice necesario desta farsa, considerou en conversas coa Asociación que a actitude do alcalde no caso do Cívico se debía a un 'capricho persoal' contra a entidade".

Os responsables veciñais subliñan que "Vigo non merece estar gobernado por persoas que se moven por caprichos predemocraticos e que se rodean dunha corte de aduladores"

Anxo Iglesias, secretario da asociación, afirmaba hai unhas semanas en conversa con Praza que "a intención de botarnos do centro cívico" se debía "unica e exclusivamente a un intento de controlar o movemento veciñal de Vigo, a que Caballero non quere participación veciñal nos centros cívicos" e que aínda que "o movemento veciñal en Vigo sempre foi dos máis activos e fortes de Galicia e de todo o Estado", nestes momentos "o movementos non se atopa na súa mellor situación. E el quere aproveitala esa debilidade para facerse co control das asociacións".

Os responsables veciñais subliñan que "Vigo non merece estar gobernado por persoas que se moven por caprichos predemocraticos e que se rodean dunha corte de aduladores". Sinalan neste senso "o deterioro democrático que, á vista de toda a veciñanza, está a acontecer no goberno do Concello de Vigo".

Centro cívico de Teis © AA.VV. de Teis
Mobilización dos e das veciñas de Teis ante o Concello © AA.VV. de Teis

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.