A 'Aula Nacho Mirás', un espazo no que se formarán novos e novas xornalistas

Inauguración da Aula ‘Nacho Mirás’, este mércores na Facultade de Ciencias da Comunicación © USC

Coincidindo co Día internacional da Liberdade de Prensa, a Facultade de Ciencias da Comunicación da USC decidiu nomear como Nacho Mirás unha das súas aulas, en concreto aquela na que o xornalista, finado hai ano e medio, impartía a materia práctica de Redacción Xornalística. A Aula Nacho Mirás será polo tanto un espazo no que se formarán novos e novas xornalistas.

A aula é aquela na que o xornalista, finado hai ano e medio, impartía a materia práctica de Redacción Xornalística

No acto, no que participaron numerosos compañeiros e compañeiras de Mirás, así coma alumnos e alumnas do centro, interviron Ainhoa Apestegui en representación da familia; o vicerreitor da USC Xosé Pereira; o decano do centro, Xosé Ramón Pousa; e Darío Janeiro en representación do Colexio de Xornalistas.

Precisamente o Colexio de Xornalistas lanzou o pasado ano a bolsa Nacho Mirás para novos e novas tituladas co obxectivo de apoiar proxectos xornalísticos de novos e novas graduadas en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual. O proxecto, que conta tamén coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, está dotado con 5000 euros e a el pódese presentar calquera proposta de traballo xornalístico (reportaxe escrita, proxectos de radio, audiovisual ou fotográficos, ou relacionados coas novas tecnoloxías), iniciativa para un novo medio ou proxecto que teña como finalidade a información e a comunicación. Como destaca o Colexio de Xornalistas, "Nacho Mirás sempre defendeu a valía dos novos xornalistas, o espírito de facerse valer, de formase o máximo posible e defender así o posto de informador".

O Colexio destaca que Nacho Mirás "sempre defendeu a valía dos novos xornalistas, o espírito de facerse valer, de formase o máximo posible e defender así o posto de informador"

Na primeira edición da bolsa resultaron escollidos dous proxectos: MediaMapa.gal (que busca construír unha cartografía do conxunto dos medios de comunicación en Galicia) e Punto e Volta (un proxecto audiovisual que afonda na transmisión da cultura popular galega así coma nos cambios experimentados na ensinanza da música e do baile tradicionais e polos roles de xénero no baile).

Inauguración da Aula ‘Nacho Mirás’, este mércores na Facultade de Ciencias da Comunicación © USC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.