A bandeira palestina que molestou un concelleiro do PP

Bandeira de Palestina no torreón dos Andrade Dominio Público Praza Pública

O pasado sábado, unha concentración en apoio ao pobo palestino ante o ataque que está a sufrir Gaza por parte do exército de Israel, rematou en polémica en Pontedeume. Logo desta manifestación de apoio aos habitantes da Franxa, un veciño decidiu pendurar do torreón dos Andrade unha bandeira de Palestina. Pero ese xesto simbólico debeu molestar moito no Concello de Pontedeume e, máis concretamente, a un dos seus concelleiros do PP.

Un concelleiro do PP subiu ao torreón dos Andrade para retirar unha bandeira palestina

Javier Crespo, edil popular no municipio, tardou poucas horas en dirixirse á Torre de Andrade acompañado de dous policías para, entre os tres, subir á fortificación e retirar do alto do monumento a bandeira palestina. Varios veciños foron testemuñas do feito, que lle foi recriminado ao concelleiro do PP, ao considerar varios dos concentrados que a súa inmediata decisión "amosa moi pouca sensibilidade nunha semana na que se acadou xa a cifra de 500 asasinados".

Denuncian tamén algúns veciños a rapidez que desde o Concello se deron en retirar unha bandeira palestina, ao tempo que outras urxencias non son atendidas tan axiña na vila. Ademais, lembran tamén que a bandeira española que se adoita colocar o 12 de outubro na mesma Torre dos Andrade ondea durante días no monumento por decisión do propio goberno municipal.

Bandeira de Palestina no torreón dos Andrade Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.