A Batería de San Cristovo: Outro espazo público recuperado

A Batería de San Cristovo, despois dos traballos de recuperación CC-BY-NC Grupo de Recuperación de Espazos Públicos

O grupo cidadán que se dedica a recuperar espazos públicos na comarca de Ferrol finaliza os traballos nesta instalación militar abandonada despois de once xornadas. Os traballos nesta fortaleza consistiron na limpeza do miradoiro exterior, interior da fortaleza, limpeza de muros, roza dun corredor circundante, e amoreado da maleza. Anuncian que o próximo sábado comezarán a recuperación doutro espazo público de Ferrol en estado de abandono.

Con estas accións continúan denunciando a escasa preocupación do goberno municipal de Ferrol polo mantemento e rehabilitación dos espazos públicos e de gran valor historiográfico e patrimonial. Estas accións comezaron en agosto e xa conseguiron por exemplo recuperar a antiga Mina de Ouro en Ponzos.

O colectivo aclara que "con esta acción non pretendemos quitar o traballo a ninguén" senón denunciar a falta de actividade do Concello e o gasto de por exemplo 700 mil euros nas obras da Praza de España. O colectivo esixe "que ese diñeiro se gaste, e que sexa destinado a contratar xente en situación de desemprego, mediante a creación de cuadrillas de traballo contratadas directamente polo Concello para a reparación, limpeza e saneamento dos espazos públicos" e mesmo propón que se faga en contratos a media xornada para facer que ese diñeiro se reparta entre o maior número de traballadores. 

Mesmo chegaron a presentar unha petición oficial no Concello pero non obtiveron resposta por parte do Goberno municipal. "Eses 700.000 euros investidos na creación destes postos de traballo repercutirían na recuperación dá natureza, paraxes e patrimonio dá cidade, á parte de xerar un beneficio adicional para o comercio dá nosa cidade, que ben necesitado que está", conclúen.

A Batería de San Cristovo, antes dos traballos de recuperación CC-BY-NC Grupo de Recuperación de Espazos Públicos
A Batería de San Cristovo, despois dos traballos de recuperación CC-BY-NC Grupo de Recuperación de Espazos Públicos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.