A 'Caravana Feminista' fará nove paradas en Galicia

Percorrido galego da 'Caravana Feminista' © MMM

O pasado 8 de marzo partiu do Kurdistán unha Caravana Feminista, organizada pola Marcha Mundial das Mulleres, que está a percorrer Europa e que despois de pasar por Grecia, os Balcáns, Suíza ou Francia, se atopa xa en Alemaña (este luns chega a Colonia, onde quedará ata o venres). Aínda pasará por Polonia, Austria, Hungría, Roma, Marsella, Catalunya e Euskadi. E en outubro chegará a Galicia, cun percorrido que se vén de anunciar.

A caravana chegará a Ferrol o luns 5 de outubro, e de aí desprazarase a San Sadurniño e Narón (día 6), Betanzos e Compostela (día 7), Allariz e Vilar de Barrio (día 8), Ourense (día 9) e Vigo (días 10 e 11 de outubro). En cada cidade a vila realizaranse actividades que se irán anunciando nas vindeiras semanas e meses. Galicia será a última parada antes de Portugal, onde a caravana rematará o seu percorrido, cun grande acto de clausura o 17 de outubro en Coimbra.

A caravana chegará a Ferrol o 5 de outubro, e de aí desprazarase a San Sadurniño e Narón (día 6), Betanzos e Compostela (día 7), Allariz e Vilar de Barrio (día 8), Ourense (día 9) e Vigo (10 e 11 de outubro)

A iniciativa demanda a erradicación da violencia e a pobreza na vida das mulleres e en cada unha das vilas e países polos que pasan atopa a colaboración "de mulleres de base e de grupos de mulleres" que "loitan e resisten nas súas cidades e pobos contra a violencia, a austeridade, a pobreza, o racismo, o fascismo, a lesbofobia e todas as opresións que fan a vida das mulleres máis difícil", destacando as súas organizadoras que "a caravana non é unha peregrinaxe, senón un altofalante para o empoderamento das mulleres".

A iniciativa demanda a erradicación da violencia e a pobreza na vida das mulleres

Berta Cao está relatando o avance da caravana para Cuarto Poder, dende o seu comezo no Kurdistán e o seu paso por Grecia e os Balcáns, ata as súas etapas no centro de Europa, denunciando os paraísos fiscais e a cobiza das empresas transnacionais. É a cuarta vez que a MMM leva a cabo esta Acción Internacional. A última celebrouse hai cinco anos, no 2010. "Hai demasiadas opresións que dividen as mulleres e as loitas das mulleres no mundo e debemos unir as nosas loitas, peticións, realidades e estratexias a escala local, rexional e mundial", destacan dende a organización da Caravana, chamando a "visibilizar as alternativas de vida e de resistencia ao capitalismo e á realidade patriarcal, creadas por mulleres que alzan a voz para afirmar alto e claro que un mundo mellor é posible".

Percorrido galego da 'Caravana Feminista' © MMM

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.