A Casa da Xuventude de Santiago xa é do Concello, que a abre aos colectivos cidadáns

A Casa da Xuventude, na Praza do Matadoiro de Compostela Dominio Público Praza Pública

A loita por evitar o derrubo da Casa da Xuventude de Compostela, nos últimos meses de 2014 e no comezo de 2015 converteuse nun símbolo da defensa do espazo e equipamentos públicos, da xestión participada deses espazos e do rexeitamento ao desbaldimento dos cartos de todos e todas. O goberno municipal do Partido Popular pretendía demoler o inmoble (gastando no proceso 165 mil euros), privando o centro de Compostela, especialmente a o barrio de San Pedro e a Cidade Vella dunhas instalacións de 1.600 metros cadrados e valoradas nun millón de euros que podían acoller múltiples usos.

Un movemento cidadán (a Plataforma Cidadá Defender o Público-Salvemos a Casa da Xuventude) comezou a organizarse, salientando que "a cidade necesita espazos socioculturais que poidan ser autoxestionados pola xente". Presentáronse propostas alternativas para conectar o parque de Belvís coa Praza do Matadeiro sen derrubar a Casa da Xuventude, conseguiuse a paralización do derrubamento e, finalmente, a vitoria electoral de Compostela Aberta nos comicios do 24 de maio asegurou a continuidade do edificio.

O pasado venres a Xunta de Goberno de Santiago de Compostela aprobou a reversión ao Concello da Casa da Xuventude, que viña utilizando a Xunta. Era o primeiro paso necesario para poñer en marcha o proceso de recuperación do edificio e da contorna da Praza do Matadoiro. O alcalde, Martiño Noriega, salientou que o Goberno municipal estaba a manter contactos con distintos colectivos veciñais e sectoriais para analizar o uso que terá o inmoble.

Noriega apuntou que "nunha primeira fase, a Casa da Xuventude abrirase a estes colectivos, para que o utilicen baixo un modelo tutelado de autoxestión". Para iso, o edificio será sometido a uns arranxos iniciais, que poderían estar rematados a finais da primavera, e que teñen como obxectivo reparar algunhas deficiencias menores. "Xa no outono" -continuou- "definiranse os usos definitivos do inmoble, e os arranxos necesarios para que o inmoble poida cumprir a función que se decida". Será entón cando se defina tamén a apertura da Praza do Matadoiro ao Parque de Belvís.

Vista do espazo común do edificio Dominio Público Defender o publico - a Casa da Xuventude é nosa
Salón de actos da Casa da Xuventude Dominio Público Defender o publico - a Casa da Xuventude é nosa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.