É imprescindible mirar ou ver para tirar unha fotografía? En Lugo un bo número de fotógrafos e fotógrafas invidentes levan un tempo demostrando que non, participando no proxecto A Cegas, impulsado pola Rede Museística Provincial de Lugo e a Deputación. A iniciativa vai xa pola súa cuarta edición e nela 14 persoas invidentes, coa axuda de profesionais, artistas e persoal dos catro museos da provincia, aprenden a realizar fotografías cun gran valor artístico. De feito, o traballo precedente xa estivo exposto no Museo Provincial e o resultado das tres primeiras edicións foi publicado en tres catálogos. "A actividade demostrou unha gran variedade de posibilidades tanto expresivas como interpretativas, ademais do interese e motivación que o alumnado", destacan, o que animou á continuidade do proxecto.
As persoas invidentes que participan na cuarta edición deste proxecto exercerán de reporteiros e reporteiras gráficas no partido que este sábado ás 20 horas xoga o Breogán ante o Lleida
Desta volta, as persoas invidentes que participan na cuarta edición deste proxecto exercerán de reporteiros e reporteiras gráficas no partido que este sábado ás 20 horas xoga o Breogán ante o Lleida no Pazo dos Deportes. Será o momento no que, acompañados e acompañadas polos seus monitores e monitoras, poñan en práctica todo o aprendido no curso. O resultado do seu traballo será exposto no Museo Provincial nos vindeiros meses, na exposición que se inaugurará con motivo da celebración do 50 aniversario do CB Breogán. Tamén se publicará nas diferentes canles do club celeste e do organismo provincial, e será motivo dun dos artigos da revista dixital do clube baloncestístico.
"En realidade quen fai unha fotografía é a cámara, non o ollo. Por tanto, unha persoa cega non poderá ver pero si nos pode achegar a súa mirada do mundo"
"En realidade quen fai unha fotografía é a cámara, non o ollo. Por tanto, unha persoa cega non poderá ver pero si nos pode achegar a súa mirada do mundo. A través do oído, o olfacto, o tacto ou o gusto tamén podemos escoller o obxectivo e crear imaxes coa axuda que nos permiten as cámaras", explican os responsables do proxecto. "A fotografía mantén unha liña de linguaxe universal, polo cal pode compartirse a motivación do impulso fotográfico. Algo que atopamos no atrevemento que demostra un cego ó introducirse nun campo tan adverso, evidenciando o desexo de rexistrar a fugacidade do instante", din.
"A través do oído, o olfacto, o tacto ou o gusto tamén podemos escoller o obxectivo e crear imaxes coa axuda que nos permiten as cámaras"
"Dende a Deputación queremos favorecer proxectos que rompan calquera barreira entre persoas", destacan dende o ente provincial. "A través deste tipo de accións, fomentamos a integración para conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria”, sinala o Vicepresidente da Deputación, Álvaro Santos Ramos, que salienta "a importancia da fotografía como vehículo de cambio na sociedade”.
A iniciativa coincide ademais co Día Mundial Contra o Cancro, que se conmemora este 4 de febreiro e no que se busca aumentar a concienciación e mobilizar á sociedade para avanzar na prevención e control desta enfermidade. Neste senso, a Presidenta da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), Mariluz Abelleira salientou esta semana que "queremos realizar unha campaña informativa centrada na prevención, utilizando o Pazo dos Deportes como escenario". Con este obxectivo, durante o partidos repartirase a todos os asistentes un pack composto por unha mazá en unha bolsa colectora con información relativa á prevención e hábitos de vida saudables.
"Dende a Deputación queremos favorecer proxectos que rompan calquera barreira entre persoas. A través deste tipo de accións, fomentamos a integración para conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria”
O proxecto fotográfico A Cegas deu ademais como resultado un documental dunha hora de duración, froito do traballo do colectivo de Enredados (formado por fotógrafos invidentes, docentes e persoal dos museos da Rede) interesado "na experimentación sensorial, na exploración dos esquemas perceptivos e na procura doutro tipo de referentes que non se limiten só ao visual para relacionarse coa arte dunha forma máis global", explican.