A cementeira Cosmos exixe 45.000 euros aos críticos coa súa actividade en Triacastela

Canteira de Vilavella, en Triacastela © Salvemos Cabana

Cementos Cosmos vén de denunciar o presidente da asociación socio-cultural O Iribio polos supostos "danos e prexuízos no seu honor" que terían provocado os seus comentarios nas redes sociais contra os polémicos traballos que a cementeira leva a cabo en Triacastela e que, segundo varias organizacións ecoloxistas e políticas, están a danar o patrimonio cultural, paisaxístico e arqueolóxico da zona. A compañía do grupo Votorantim reclámalle a Marcos Celeiro 45.000 euros en concepto de indemnización, unha cantidade que, segundo lle aclararon, logo donarían a unha entidade sen ánimo de lucro.

Cementos Cosmos exíxelle 45.000 euros ao presidente da asociación O Iribio polos seus comentarios nas redes sociais

A demanda que vén de presentar Cosmos, e que acaba de ser recibida por Celeiro, é tan só a última dunha serie de denuncias que están a chegar a diferentes persoas que desde hai tempo se opoñen aos traballos da cementeira, que foi tamén denunciada en numerosas ocasións polos danos que provoca na zona, especialmente na Cova Eirós, o maior e máis importante xacemento arqueolóxico de Galicia. "Demándanme por divulgar no Facebook e no Twitter cousas sobre o que están a facer aquí e tamén por subir un vídeo a YouTube no que se ve operarios da empresa traballando cando tiñan unha orde de paralización; neste último caso acúsanme de falsa denuncia", explica o presidente d'O Iribio, un colectivo que leva anos loitando contra as irregularidades da empresa.

Outros veciños foron xa denunciados nunha campaña "intimidatoria", segundo os colectivos contrarios aos traballos da cementeira

Ademais de a Marcos Celeiro, outras denuncias chegaron a outros particulares, algúns a persoas ás que a empresa cedera fincas de titularidade dubidosa logo dun trato amigable e aos que agora denuncia e reclama unhas "indemnizacións altísimas" que se unen a unhas costas do xuízo de máis de 15.000 euros que dificultan máis aínda a situación de moitos veciños. Tamén hai denuncias por romper os valados que a empresa puxo á canteira, aínda que os denunciados -algúns deles gañaron o xuízo- aseguran que a empresa emprega estas demandas para intentar ocultar que non delimita a zona.

Para o presidente da asociación O Iribio, as denuncias non son máis que "medidas intimidatorias" que, non obstante, están a causar importantes problemas a moitos veciños, algúns deles con problemas económicos e incapaces nin tan sequera de pagar os gastos que supoñen o xuízo. Por iso, todos os afectados están intentando reunirse agora para colaborar e facer fronte común, aínda que cada un deles presente o seu recurso ou denuncia particular contra a empresa. "Estudarémolo cun avogado e decidiremos como enfocalo", aclara.

Veciños e colectivos ecoloxistas denuncian que Cosmos segue traballando en zonas vetadas e que na actualidade faino xusto enriba da Cova Eirós

Ao tempo, a asociación O Iribio e outros colectivos ecoloxistas denuncian que Cementos Cosmos segue traballando en zonas vetadas e que na actualidade estao facendo xuto enriba da Cova Eirós, violando a súa área de protección, cavando enriba, quitando terra e provocando que as filtrancións continúen a danar as pinturas rupestres.

A canteira da cementeira reiniciou no pasado mes de agosto a súa actividade logo de dez meses parada e tras recibir o visto e prace da Xunta e do Concello malia os expedientes en contra da Confederación Hidrográfica e o Comité Asesor do Camiño e a pesar dos danos que provoca na Cova Eirós. Diversos colectivos levan tempo denunciando a irregularidade dunha explotación que ven incompatible co respecto ao patrimonio cultural, paisaxístico e arqueolóxico do que goza esta zona de Triacastela. A empresa enfrontouse a dous recursos de reposición da licenza municipal concedida, unha denuncia ante a Policía Autonómica, afronta unha proposición non de lei presentada por AGE no Parlamento e segue a reciibir as críticas ás continuas supostas irregularidades que as asociacións censuran, como que incumpra o propio código de conduta do grupo ao que pertence.

O PP e a Xunta defenden que coa actual licenza garántase a conservación dos elementos patrimoniais e naturais da contorna, pero son varias as asociacións que insisten en que Cosmos non respecta os límites que se lle marcan, senón todo o contrario.

Localización de Cova Eirós dentro da explotación mineira © Google Maps
Canteira de Vilavella, en Triacastela © Salvemos Cabana

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.