A cidadanía a través do 'crowdfunding' evita o desafiuzamento de tres familias galegas

Ecos do Sur agradece o apoio e achegas da cidadanía Dominio Público @ecosdosur

Na busca de pequenas doazóns para evitar desafiuzamentos. Esa é a iniciativa que tomou a ONG galega Ecos do Sur ante este "panorama dramático" e coa que busca a colaboración cidadá para que tres familias da Coruña e Vigo "teñan unha nova oportunidade de conservar o seu fogar e saír adiante".

A campaña de crowdfunding Ninguén sen Vivenda é unha aposta pioneira para que ningunha familia pase polo duro golpe dun desafiuzamento. O obxectivo era chegar a reunir 3.000 euros para axudar a que estas tres familias galegas non perdan a súa casa e "poidan gañar tempo mentres se traballa man a man con elas para que atopen emprego e poidan negociar co banco", tal e como explica a ONG. E lográrono xa grazas á difusión destes últimos días nas redes sociais. Incluso superaron o propósito.

O obxectivo de reunir 3.000 euros antes do vindeiro mércores superouse, polo que se evitará o desaloxo inmediato

O banco só permite tres cotas impagadas antes de executar a hipoteca, este tres familias xa deben algunha cota e na actualidade Ecos do Sur non dispón de fondos para axudalas. "Non se trata de pagar as súas hipotecas, senón de darlles tempo para que poidan atopar unha solución e que estas familias poidan volver afrontar os pagos", insistía a entidade, que leva desde 2013 apoiando así a persoas ao bordo do desafiuzamento, paralizando ese ano o lanzamento de 19 familias.

"Pero nos últimos tempos vimos como o número de familias está a incrementar, a necesidade de financiamento aumenta e a entidade non é capaz de asumila en solitario. Por iso, pídese a colaboración cidadá nunha campaña de crowdfunding para conseguir eses 3.000 euros e pagar 10 cotas a 3 familias galegas da Coruña e Vigo". Segundo destaca, é a primeira vez en España unha ONG utiliza unha plataforma deste tipo para axudar a persoas que están a piques de perder os seus fogares.

Até esta fin de semana reuníranse máis de 2.500 euros e a campaña péchase o mércores, día 28 de xaneiro. Neste domingo a cantidade superaba xa os 3.300 euros. "O tempo aprema", aclaraba Ecos do Sur. Segundo as normas do propio sistema de microdoazóns, se non se acadaban os euros que faltan, non se faría efectiva ningunha das achegas previas. "Quedaremos a cero", advirten.

As tres familias ás que se intenta axudar teñen todos os seus membros no paro e cotas hipotecarias de baixo importe por pagar

A ONG aclara que as tres familias ás que tenta axudar foron seleccionadas coidadosamente por Ecos do Sur. Nos tres casos trátase de familias con todos os seus membros en desemprego, con cotas hipotecarias de baixo importe, que deben tres prazos e para as que o tempo corre en contra. Unha delas xa recibiu o pasado mércores unha notificación do banco para que abone as cotas que debe antes do día 30. "De non facelo así, requiríáselles o pago de toda a hipoteca restante, máis intereses, unha cantidade realmente inasumible".

As tres familias, ademais, teñen menores ao seu cargo, e polas súas características "teñen verdadeiras posibilidades de endereitar a súa situación con só un pouco de axuda puntual". "Un golpe de mala sorte fixo que perdesen o emprego e a crise cronificou a situación, levándooos á extinción de prestacións e así á falta de pagamentos", di Ecos do Sur, que lembra que desde 2007, os desempregados de longa duración aumentaron un 625% en Galicia, pasando de 24.000 persoas a 172.000 en sete anos.

Ademais, tamén lembra a entidade que, coas cifras do tres primeiros trimestres do ano na man, iniciáronse en Galicia 1.473 execucións hipotecarias: son máis de cinco ao día, que afectan especialmente ás provincias da Coruña e Pontevedra, nas que se abren dúas execucións cada día. Unha execución hipotecaria supón que, ao rexistrarse unha falta de pagamento de entre tres e seis cotas, o banco emprende un proceso xudicial para reclamar o importe total do crédito máis uns intereses que adoitan roldar o 20 por cento. "Non todos estes procesos terminan en desafiuzamento, pero sempre supoñen graves transtornos para as economías familiares e mesmo para a súa cohesión e para a estabilidade persoal dos seus membros", remataban, antes de volver pedir a colaboración cidadá que evite tres novos dramas.

Contra os desafiuzamentos CC-BY-SA Praza Pública
Concentración de Stop Desafiuzamentos en Santiago © Stop Desafiuzamentos
Ecos do Sur agradece o apoio e achegas da cidadanía Dominio Público @ecosdosur

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.