A cidadanía, chamada a saír este luns á rúa contra a violencia machista

Cartel da Plataforma Feminista Galega © PFG

O movemento feminista galego chama á sociedade a saír ás rúas este luns 26 de outubro en repulsa do asasinato machista de Conchi Reguera Peón, muller de 38 anos que foi acoitelada presuntamente pola súa ex parella o sábado en Pontesampaio. Baixo o lema Xuntas remataremos co patriarcado criminal, varias concentracións foron convocadas en diferentes localidades galegas. 

As mobilizacións celebraranse ás 20 horas na Coruña (Obelisco), Ferrol (Praza do Concello), Compostela (Porta do Camiño), Lugo (Praza do Concello), Pontevedra (rúa Rosalía de Castro, diante da Audiencia Provincial), Vigo (Marco) e Ourense (Castañeira, diante da Subdelegación do Goberno). 

"Estamos fartas de estar fartas e non imos ficar paradas ata rematar con esta lacra", di a Plataforma Feminista Galega

A Plataforma Feminista Galega recorda que Conchi é "a quinta muller asasinada na Galiza no que vai de ano". "Estamos fartas de estar fartas e non imos ficar paradas ata rematar con esta lacra", asegura o colectivo, que pide "saír ás rúas para berrar ben forte que xa basta de violencia machista". Ademais, o movemento feminista lembra que, "en só 22 horas", tres mulleres foron asasinadas en todo o Estado. 

Por outra banda, arredor de 500 persoas manifestáronse en Ponte Sampaio este domingo contra o asasinato da súa veciña e advertiron que "non morreu, foi asasinada". Á concentración acudiron cargos públicos do goberno municipal de Pontevedra ou o alcalde e membros do executivo local de Soutomaior, localidade natal do detido polo asasinato. 

Cartel da Plataforma Feminista Galega © PFG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.