A cidadanía sae á rúa contra a mina de Corcoesto

Manifestación contra a mina de Corcoesto en Coristanco © Monte Pindo Parque Natural

Máis de 1.000 persoas das comarcas de Bergantiños e a Costa da Morte manifestáronse este domingo en Coristanco en contra da mina de ouro a ceo aberto prevista en Corcoesto, no municipio de Cabana.

Máis de 1.000 veciños secundaron a manifestación convocada pola Plataforma pola defensa de Corcoesto e outros colectivos

A convocatoria -lanzada polos propios veciños e apoiada pola Plataforma pola defensa de Corcoesto, unha morea de organizacións e formacións políticas como o BNG ou AGE- manifestou o seu rotundo rexeitamente ás operacións da compañía canadense Edgewater "que pretende, co beneplácito da Xunta, transformar os montes compartidos polos municipios de Cabana de Bergantiños, Coristanco e Ponteceso nunha inmensa canteira a ceo aberto".

Baixo o lema Polo futuro da vida e da terra. Non á minería a ceo aberto e con pancartas que rezaban "Mina Non", "Queremos agua potable e ceo limpo" ou "Corcoesto non se vende, deféndese", foron moitos os veciños que desafiaron a chuvia e o mal tempo para chamar a atención da Administración galega ante un proxecto do que diversos colectivos e cidadáns levan meses denunciando o impacto medioambiental, social e económico que terá sobre a zona. Durante o percorrido, dun quilómetro a pé ata a praza do Concello, coreáronse consignas rimadas que os manifestantes prepararon aproveitando o Entroido.

Os manifestantes piden á Xunta que rectifique no seu apoio á mina e á empresa que a promove

Desde a plataforma contraria á mina manifestaron a súa "satisfacción" polo apoio cidadán a unha manifestación que superou as expectativas e que contou con veciños de todas as idades, ademais de co apoio de numerosos colectivos.

Así, os veciños contrarios á mina esixen das autoridades que "recúen no seu apoio decidido a estas explotacións de consecuencias catastróficas para o contorno natural e humano" e aseguran que os danos están xa contrastados en experiencias similares noutras latitudes. Ademais, denuncian que as políticas que se apliquen non sexan as que pasen por "destruír o territorio, contaminar as augas e acabar coas formas de vida tradicionais".

A manifestación chega logo de que varios colectivos contrarios aos diversos proxectos megamineiros que se preparan en Galicia acordasen constituír un movemento global para loitar contra a "minería salvaxe" que ameaza o país. Ademais, á oposición contraria de boa parte da sociedade uniuse agora unha nova polémica, logo de que se coñecese que a Universidade de Vigo vén de asinar un convenio de colaboración coa empresa que leva a cabo o proxecto mineiro en Corcoesto.

Manifestación contra a mina de Corcoesto en Coristanco Dominio Público @manuelanxoo
A manifestación contra a mina de Corcoesto, en Coristanco CC-BY Meli Souto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.