A CIG denuncia denuncia nomeamentos a dedo e sobresoldos para os cargos do Sergas en Santiago

Rolda de prensa de CIG-Saúde en Compostela CC-BY-SA CIG

A xerencia do Sergas en Compostela fai "nomeamentos a dedo para ocupar cargos de responsabilidade" e eses postos, de xefatura, coordinación, encargado ou supervisión, "son compensados economicamente con sobresoldos, mediante horas extra que non existen ou en concepto de complementos que non se corresponden coa realidade". Esa é a denuncia que vén de realizar CIG-Saúde  da capital galega.

A CIG denuncia "nomeamentos a dedo" para cargos de responsabilidade que "son compensados con sobresoldos mediante horas extra"

Segundo explicou Xosé Manuel Marcote, delegado da CIG no CHUS, a central denuncia agora a situación por ter conseguido "as probas necesarias" que abranguerían "máis de 50 casos só na xerencia compostelá" e que afectarían a "todas as categorías de persoal". Segundo explica o sidnicato, os sobresoldos detectados aplícanse a través de "horas extra sistematizadas". "Todos os meses, un traballador con un cargo nesta xerencia, casualmente fai o mesmo número de horas extra, sen que exista ningún rexistro desa actividade e cobrando, por suposto, a mesma cantidade mensual nese concepto”.

Hai “cargos herdados ou adxudicados a dedo sen que en moitas ocasións exista ningunha convocatoria pública como marca a normativa”

En rolda de prensa, os representantes da CIG-Saúde denuncian que hai “cargos herdados ou adxudicados a dedo sen que en moitas ocasións exista ningún tipo de convocatoria pública como marca a normativa”. Estarían vulnerándose os principios de igualdade, mérito e capacidade, impedindo dun xeito implícito que calquera traballador fixo poida optar a eles, segundo o sindicato. 

A CIG tamén denunciou o "incumprimento da normativa" no que se refire á avaliación cada catro anos de todas as xefaturas e cargos. “Unha vez acadados, sexa por convocatoria pública ou a dedo, os cargos perpetúanse por anos ou para toda a vida, sen que haxa ningún tipo de avaliación do seu labor”. 

Ante esta situación, CIG-Saúde asegura que xa solicitou "en múltiples ocasións" a cobertura e avaliación das xefaturas para esixir unha solución. No entanto, segundo denuncia, a xerencia non deu resposta, como tampouco a lograron da dirección de Recursos Humanos. A central reclama "que todos eses postos saian a concurso público para que poidan concorrer a eles todo o persoal que así o considere, atendendo aos criterios de capacidade, mérito e igualdade que deben rexer nunha empresa pública". Con todo, tamén demanda "que se retribúa cada cargo en función da súasresponsabilidades". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.