A CIG denuncia que a Xunta gasta máis de 2 millóns de euros en publicitar os xenéricos

Instalacións do Sergas nunha cidade galega CC-BY-SA Praza Pública

A CIG vén de denunciar que a Xunta gasta 2,2 millóns de euros en publicidade para "sensibilizar e promocionar o consumo de medicamentos xenéricos". Segundo a central nacionalista, o DOG do pasado 29 de agosto publicou a resolución da contratación dun servizo de publicidade dun importe duns 2,2 millóns de euros que lle foi concedido á empresa Avante Galicia Marketing y Medios, S.L.

A CIG denuncia que se gasten 2,2 millóns en publicitar os xenéricos en lugar de comprar ou subvencionar estes medicamentos

O sindicato denuncia que "mentres non hai cartos para servizos públicos, sempre aparecen para as privatizacións, os rescates bancarios e a publicidade institucional". Para o sindicato nacionalisto, o contrato de 2,2 millóns de euros en plena crise económica supón "un toque de humor negro" ao "gastar a Consellería de Sanidade os cartos públicos na publicidade sobre os xenéricos "en lugar de gastalos na compra ou na subvención destes medicamentos".

"A Xunta gasta millóns en obxectivos que teñen que ver con intereses privados e non cos servizos públicos"

Desde a CIG-Autonómica denuncian "a falsa austeridade da Xunta", á que acusan de gastar millóns de euros "en obxectivos que nada teñen que ver cos servizos públicos e si con intereses privados", mentres continúa a asegurar que non hai cartos. "Ben seguro que a maioría da cidadanía considera que estes 2,2 millóns irían mellor destinados ao sostemento do Sistema Público de Sanidade que a poñer o logo da Xunta de Galiza continuamente en todos os medios de comunicación", remata a central.

Instalacións do Sergas nunha cidade galega CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.