A CIG gaña as eleccións sindicais no ensino e incrementa o seu apoio

Concentración de CIG-Ensino ante a Consellería Dominio Público @CIGEnsino

CIG-Ensino gañou as eleccións no ensino non universitario. A central nacionalista incrementou a súa representación e a porcentaxe de delegados e votos nos comicios, ao pasar do 43.5% do ao 2010 ao 46.24% en toda Galicia, segundo se tira dos datos que o propio sindicato achega.

Así, CIG-Ensino acadou a maioría absoluta na provincia da Coruña con 23 delegados e delegadas e na de Pontevedra con 21, que representan o 80% do profesorado. Ademais, tamén é a primeira organización sindical en Lugo con 10 delegados e en Ourense con 8.

CIG-Ensino obrivo 62 delegados, polos 22 de CCOO, os 17 de Anpe, os 15 de UGT, os 14 de STEG e os 10 do CSIF

No total de Galicia, CIG acadou 62 delegados, polos 22 de CCOO, os 17 de Anpe, os 15 de UGT, os 14 de STEG e os 10 do CSIF. Por provincias, a diferenza a prol da central nacionalista foi importante agás no caso de Ourense, onde Comisións obtivo o mesmo número de delegados que a CIG (8), aínda que con 60 votos menos.

CIG-Ensino destaca que os resultados globais no país "tamén amosan unha maior distancia da segunda organización sindical que só conseguiu o 15,3% fronte ao 46,24%" da central nacionalista nuns comicios nos que o 70% do profesorado exerceu o seu dereito a voto (20.901 profesores e profesoras), unha participación que é semellante á de hai catro anos.

A central nacionalista agradece "a confianza e apoio do profesorado por supor un aval e un recoñecemento ao traballo realizado pola CIG-Ensino durante estes catro anos, á nosa  oposición ás afrontas e abusos da Consellaría, ao noso combate permanente contra a Lomce e á nosa loita contra os recortes dos nosos dereitos salariais e laborais e do ensino público e contra a desconsideración co noso idioma". 

"O señor conselleiro ten que asumir estes resultados de apoio maioritario á CIG-Ensino e asimilar que supoñen a reprobación e a derrota da política educativa da Consellaría"

Segundo a CIG, os resultados "afianzan o modelo sindical galego, de clase, plural, democrático e participativo, próximo ao profesorado e que aposta por un ensino público, galego, gratuíto, laico e coeducativo". "O señor conselleiro ten que asumir estes resultados de apoio maioritario á CIG-Ensino e asimilar que supoñen a reprobación e a derrota da política educativa da Consellaría, asentada no autoritarismo, no menosprezo do profesorado, no deterioro do ensino público en beneficio do concertado e no desleixo co noso idioma", engade.

Porque para a central nacionalista, os resultados "supoñen unha emenda á totalidade ao comportamento antidemocratico e ao desmantelamento do ensino público da Consellaría de Educación". Ademais, adiante que exixirá "a apertura de negociación para acadar a restitución dos dereitos laborais e salariais do profesorado, uns cadros de persoal amplos nos centros, a redución do alumnado por aula, a elaboración dun estatuto galego do profesorado que recolla as reivindicacións do profesorado e unha lei galega de educación".

O sindicato reclama unha lei galega de educación "que leve consigo a derrogación da Lomce, que se fundamente na defensa do ensino público e laico, na galeguización do ensino , na eliminación dos concertos educativos, nomeadamente os que segregan alumando por razón de xénero; e na consecución dun ensino totalmente gratuíto e equitativo para o cal é necesario dedicar o 7% do PIB".

Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino CC-BY-NC-SA CIG-Ensino

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.