A CIG volve a rúa a prol das "pensións dignas" tras o "indecente" intento de Rajoy para frear o conflito

Concentración da CIG na Coruña en defensa das pensións CC-BY-NC-SA CIG

A intervención de Mariano Rajoy sobre o futuro do sistema público de pensións, o pasado mércores no Congreso dos Deputados, tivo a intención declarada de infundir "tranquilidade" entre a poboación pensionista. Tras ficar desligadas das subas dos prezos, o incremento anual máximo do 0,25% axitou un colectivo que é tamén unha bolsa duns 9 millóns de votantes e que, tamén en Galicia, apoian maioritariamente o PP, segundo os sucesivos inquéritos do CIS. Rajoy pretendeu cos seus anuncios acalmar o ánimo dos colectivos de pensionistas que no conxunto do Estado se mobilizarán o vindeiro día 17, mobilizacións que no caso galego levan xa tempo en marcha e que este xoves regresaron da man da CIG.

Cun total de once concentracións por todo o país -nas sete cidades e mais Cee, Boiro, As Pontes e Lalín- a central sindical levou á rúa a súa intención de "intensificar" a a campaña "en defensa das pensións ante o grave perigo que corre o sistema público como consecuencia da ofensiva do Goberno español do PP e da gran banca para promover os plans de pensións privados". Neste sentido, afirma o secretario xeral do sindicato, Paulo Carril, a "indecente" intervención de Rajoy fai que haxa "máis razóns ca nunca para impulsar estas mobilizacións".

"Se xa tiñamos sobradas razóns para mobilizármonos, con estas intervención hai aínda máis", mantén Carril, xa que estivo baseada na defensa das reformas dos últimos anos que "en 2011 e 2013 introduciron recortes tremendamente agresivos, dirixidos a dificultar o acceso ás pensións públicas e rebaixar as súas contías". Esa "indecencia", resalta Carril, é especialmente intensa no caso galego, onde "o 65% das pensións están por baixo da mínima" e onde "as pensións das mulleres galegas teñen unha fenda superior ao 37%", cun importe medio mensual que apenas supera os 600 euros.

Paulo Carril: "Hai máis razóns ca nunca para impulsar estas mobilizacións" contra o "progresivo desmantelamento do sistema público de pensións"

Neste contexto, a central nacionalista considera que "mentres non haxa derrogación desas reformas é imposíbel falar de pensións dignas, porque a esta situación chegamos precisamente por consecuencia delas". Deste xeito, agrega Carril, resulta "intolerábel" que o Goberno de España ligue calquera eventual mellora do sistema de pensións á aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado para este 2018. Ese, afirma, non é máis ca "un intento de desviar a atención do problema real", que é "o progresivo desmantelamento do sistema público de pensións".

Un intre da mobilización de Vigo / CIG

Estes e outros argumentos ecoaron nas concentracións desenvolvidas polo colectivo de pensionistas da CIG durante a mañá deste xoves na Coruña, Cee, Ferrol e Boiro, e fixeron o propio nas restantes protestas, convocadas para o serán. Durante estes actos foron diversos os testemuños sobre as serias dificultades que a contía das pensións implica para "chegar a fin e mes" e reiteráronse as consignas contra o "roubo das pensións". No caso de Ferrol, ademais, o colectivo de pensionistas da CIG entregou na sede da Xunta as sinaturas recollidas contra as "reformas que provocaron o empobrecemento das pensións" e que impiden, din, que cheguen a ter un importe "digno".

Concentración ante a sede da Xunta en Ferrol CC-BY-NC-SA CIG
Un intre da mobilización en Cee CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.