A CNT súmase á querela xudicial arxentina contra o xenocidio franquista

Manifestación da CNT en Madrid, o 1 de maio de 1976 CC-BY-NC-SA CNT

A CNT vén de presentar en Arxentina unha denuncia contra os crimes do franquismo, dentro do proceso que se tramita nese país contra o xenocidio cometido polo réxime ditatorial entre 1936 e 1977. Deste xeito, o sindicato súmase ás accións emprendidas ante os xulgados de Bos Aires por parte de familiares de vítimas, asociacións de recuperación da memoria histórica e outras entidades.

Invalidada a vía xudicial española pola Lei de Amnistía de 1977, a central anarcosindicalista compareceu como denunciante na denominada Querela arxentina

A CNT argumenta que a lexislación  internacional  en  materia  de  dereitos  humanos  define  como  crimes  de  lesa humanidade  e,  por  tanto, imprescritibles,  unha  serie  de  supostos  (asasinato,  tortura,  desaparición forzada, escravitude…) que o franquismo cumpre na súa totalidade. O Estado recibiu sucesivas amoestacións de instancias internacionais para que declare a Lei de Amnistía de nulo dereito e dea os pasos precisos para a constitución dunha comisión da verdade.

Invalidada a vía xudicial española pola Lei de Amnistía de 1977, a central anarcosindicalista compareceu como denunciante na denominada Querela arxentina, achegando miles de nomes dos seus militantes represaliados polo franquismo, testificacións e declaracións  de  testemuñas  presenciais e superviventes, así como documentación relativa ao espolio e incautación de bens mobles, inmobles e contas bancarias pertencentes á CNT. Ao longo das súas máis de trescentas páxinas, a denuncia de CNT enumera os capítulos da represión sufrida polo anarcosindicalismo dende os primeiros momentos do golpe  ata  os  procesados  no  famoso  TOP  (Tribunal  de  Orde  Pública),  pasando  polos  asasinados, desaparecidos e torturados, os campos de concentración, os batallóns de traballo e as foxas comúns que o estado español segue aínda sen recoñecer e dignificar.

Ao longo das súas máis de trescentas páxinas, a denuncia de CNT enumera os capítulos da represión sufrida polo anarcosindicalismo dende os primeiros momentos do golpe  ata  os  procesados  no  famoso  TOP  (Tribunal  de  Orde  Pública)

A CNT explica que un balance obxectivo do relatado, transcorridos xa case tres cuartos de século do golpe militar, verque unhas dramáticas cifras, algunhas delas baseadas incluso en fontes  oficiais  do  goberno  franquista:  50.000  fusilados,  73.000   asasinados  en  retagarda,  30.000 desaparecidos,  500.000 internos  en  campos  de  concentración,  10.000   falecidos  en  campos  de concentración, 300.000 encarcerados e un número indeterminado de violacións, raptos e roubo de nenos.

O sindicato explica que o seu obxectivo é "romper o medo que aínda se atopa asentado na sociedade  española  en relación  coa  memoria  histórica, crebar os múltiples obstáculos que dende a administración se poñen á investigación nesta temática e difundir entre  a  poboación,  especialmente  entre  as  novas xeracións,  o  magnífico  e  xeneroso  esforzo  que realizaron aqueles e aquelas que loitaron por un futuro libre de tiranías".

Manifestación da CNT en Madrid, o 1 de maio de 1976 CC-BY-NC-SA CNT

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.