A comisión de investigación sobre o Alvia pon a proba o novo Congreso

Membros de En Marea e representantes da Plataforma de Vítimas do Alvia, coa solicitude presentada CC-BY-NC-SA En Marea

En Marea vén de presenta no rexistro do Congreso unha petición -asinada conxuntamente co Grupo Mixto (Compromís)- para que se constitúa unha comisión de investigación na cámara que concrete as causas do accidente de Angrois, que en 2013 acabou coa vida de 81 persoas. Na presentación da solicitude participaron cinco representantes da Plataforma Víctimas Alvia 04155, entre eles Teresa Gómez-Limón e Jesús Domínguez, que salientou que "non entendemos que PSOE e PP vaian da man" neste tema.

Na pasada lexislatura os intentos de crear esta comisión de investigación (demandada por IU e BNG, entre outros grupos) chocaron co bloqueo dos dous partidos maioritarios

En efecto, ao longo da pasada lexislatura os intentos de crear esta comisión de investigación (demandada por IU e BNG, entre outros grupos) chocaron co bloqueo dos dous partidos maioritarios, cun Partido Popular que sempre votou non e un Partido Socialista que se abstivo as máis das veces, negándose a apoiar as iniciativas presentada polo BNG e a Esquerda Plural.

O voto favorable ou mesmo a abstención dos socialistas na Mesa do Congreso permitirían o debate da proposta no pleno

Todo depende agora, en primeiro lugar, da renovada Mesa do Congreso, que debe aceptar ou rexeitar a solicitude presentada. O órgano está formado por tres representantes do PP, e dous de PSOE, Ciudadanos e Podemos e as confluencias. Contando cos dous votos de Podemos e En Comú Podem e -en principio- de Ciudadanos, que na campaña electoral lle comunicou á Plataforma de Vítimas o apoio ás súas demandas, o voto favorable ou mesmo a abstención dos socialistas permitirían o debate da proposta no Congreso.

No pleno, a proposta contará cos votos favorables de Podemos, En Marea, En Comú Podem, Compromís e Unidad Popular (71), unidos aos de Ciudadanos (40), ERC (9) ou Bildu (2), suman 122, moi preto dos 123 do PP, que probablemente volverá votar en contra. Haberá que ver a posición que adoptan PNV e DiL (PNV e CiU opuxéronse á comisión de investigación na pasada lexislatura) e, sobre todo, a do PSOE, que deberá decidir entre apoiar a demanda das vítimas para que o Congreso pescude as responsabilidades políticas no sinistro, votar en contra ou, como fixo con anterioridade, absterse. Con todo, pode que nesta ocasión a abstención do PSOE non sexa suficiente para bloquear a iniciativa.

Pode que nesta ocasión a abstención do PSOE non sexa suficiente para bloquear a iniciativa

Na presentación da solicitude de apertura desta comisión de investigación, a voceira de En Marea, Alexandra Fernández, sinalou que "quixemos que esta fora unha das nosas primeiras iniciativas pois durante dous anos e medios este Congreso rexeitou permanentemente a investigación deste accidente e cremos que esta Cámara ten unha débeda coas familias e co resto da cidadanía" e denunciou que "o PP e o PSOE bloquearon reiteradamente a transparencia neste caso impedindo que se depuren responsabilidades". "Agardamos que nesta ocasión a Mesa acepte a investigación", engadiu. Fernández lembra que "dende En Marea sempre o puxemos como condición para apoiar un goberno do PSOE" e, nun novo dardo dirixido aos socialistas, subliñou que "non vimos nese documento de acordo con Ciudadanos nada que remita a este caso". "Queremos ver que ese documento que tanto fala de rexeneración democrática fale tamén destas cousas concretas que son imprescindibles e que está demandando a cidadanía", concluíu.

Jesús Domínguez reclamou o apoio de Ciudadanos "pois varios dos seus destacados membros déronnos o seu apoio en varias ocasións" e do PSOE "que agora di que está en proceso de rexeneración apoiará a comisión de investigación"

Por parte da plataforma de vítimas, Jesús Domínguez destacou que "non entendemos que non se faga unha comisión de investigación e non entendemos que o PP e o PSOE se neguen sistematicamente", engadindo que "deben ter algo moi gordo que ocultar porque neste caso van da man". "A decisión do sistema de seguridade involucra a José Blanco e a posta en servizo da liña á ministra Ana Pastor", explicou. Domínguez reclamou o apoio de Ciudadanos "pois varios dos seus destacados membros déronnos o seu apoio en varias ocasións" e do PSOE "que agora di que está en proceso de rexeneración apoiará a comisión de investigación".

Teresa Gómez-Limón: "É imprescindible que este Parlamento cambie se quere ser unha verdadeira representación dos cidadáns e non un mal teatro, que é o que é"

Finalmente, Teresa Gómez-Limón afirmou que "é imprescindible que este Parlamento cambie se quere ser unha verdadeira representación dos cidadáns e non un mal teatro, que é o que é". "Agardo que este Congreso cambie e empece a representar aos cidadáns que nos vimos completamente marxinados e desdebuxados, vulnerados. Non tivemos ningún apoio, a Administración non colaborou coa xustiza, ocultou información mentres os dous grandes partidos se puñan de acordo. Teñen moito que ocultar", concluíu.

Membros de En Marea e representantes da Plataforma de Vítimas do Alvia, coa solicitude presentada CC-BY-NC-SA En Marea

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.