A comunidade exemplar que quere que a lingua, como o monte, medre mellor coidada entre todos

A comunidade de montes de Couso, en Gondomar, vén recibindo diversos recoñecementos pola súa xestión © Comunidade de Montes de Couso

Comuneiros e comuneiras de Couso, Gondomar, con recoñecementos internacionais pola súa xestión forestal, lanzan unha recollida de fondos de 21.600 euros para crear o Bosque da lingua

A Comunidade de Montes en Man Común de Couso vén recibindo desde hai anos diversos recoñecementos mesmo de organismos ligados á ONU pola súa exemplaridade na xestión participativa dos seus montes. Neles veñen recuperando especies tradicionais, eliminando invasoras, producindo setas ou froitos silvestres aos que dan saída con marmeladas e mesmo crearon unha piscina comunal integrada na natureza.

Esa visión comunal quérena trasladar agora ao coidado do idioma ligado á súa actividade ordinaria e están a impulsar o que denominan Bosque da Lingua, unha zona de 40.000 metros cadrados que queren reforestar como un parque aberto a que a cidadanía poida celebrar nel todo tipo de actividades relacionadas coa educación e a sostibilidade e coa lingua como pano de fondo. Para poñelo en marcha veñen de iniciar unha recollida de fondos de 21.600 euros no espazo https://montesdecouso.gal/campanhas/proxecto-bosque-da-lingua/

Zona de cultivos de froitos no monte comunal de Couso © Comunidade de Montes de Couso

A iniciativa da comunidade de Couso, en colaboración coa Asociación Verdeval e o Instituto de Estudos Miñoráns, pretende crear “un lugar para interiorizar as artes (plásticas, visuais, escénicas, literarias), a ciencia, o compromiso ecolóxico, o monte vivo, palestras, un enclave para gozar de propostas lúdicas en equilibrio coa natureza”. Será, din, unha portela aberta ás institucións colaborativas que participan no proxecto, a todas as persoas con sensibilidades medioambientais e culturais, nomeadamente centros educativos, e comunidades escolares, sexa de grao básico, medio ou superior”.

O obxectivo é que no Bosque da lingua se poidan celebrar todo tipo de homenaxes e conmemoracións a persoas ou en datas significativas, obras de teatro, recitais, xogos ou actividades artísticas. Para iso prevén crear unha zona de recibimento, parque de ocio, anfiteatro, áreas de investigación, lugares de creación, paneis e sinalizacións de recursos naturais, obradoiros, zonas de xogos, mapas do bosque da lingua ou árbores literarias.

Zona de baño e ocio creada pola comunidade de Couso © Comunidade de Montes de Couso

Para impulsar o proxecto e facelo o máis colaborativo posible a recollida de fondos prevé achegas desde os 10 ata os 300 euros, con diversos servizos ou dereitos ligados a cada contía. A achega máis básica dará acceso a un concerto e a unha mención no bosque da lingua; 30 euros permitirán ademais recibir dous botes de marmelada; 100 euros engaden ao anterior un tronco para cultivo de seta shiitake, un bote de paté de shiitake e dereito a acceder durante cinco anos á zona de baño que crearon. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.