A consideración de Corcoesto como 'proxecto industrial estratéxico', cada vez máis no aire

Corcoesto, na actualidade CC-BY-SA Salvemos Cabana

Un informe do IGAPE que forma parte do expediente mineiro de Corcoesto que está sendo tramitando pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas como industrial estratéxico, pon en dúbida esta condición, segundo revela a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños

Segundo o IGAPE, a pesar de ter un investimento superior aos 50 millóns de euros, o proxecto non chega aos 250 postos de traballo directos e non supón a consolidación dos mesmos no futuro

O devandito informe sinalaría que o proxecto mineiro de Corcoesto non é estratéxico no sentido definido como tal pola Lei 13/2011 de Política Industrial de Galicia. Segundo o Instituto Galego de Promoción Económica, a pesar de ter un investimento superior aos 50 millóns de euros, o proxecto non chega aos 250 postos de traballo directos e non supón a consolidación dos mesmos no futuro, debido ao carácter finito da explotación, que prevé un ciclo produtivo de 8,5 anos.

O documento tamén asegura que o proxecto non supón unha expansión "significativa" do tecido industrial galego, xa que os postos de traballo, computando directos e indirectos, supoñen un 0,0019% da poboación ocupada no sector industrial e o volume de negocios anual previsto, para o ano de maiores vendas, supón un 0,0038% do total do sector industrial. No que se refire á diversificación que o proxecto introduce no sector industrial galego, sinala que aínda que se trata da primeira mina de ouro de Galicia, e por tanto diversifica o sector mineiro galego, non supón unha diversificación apreciable no conxunto do tecido industrial. Finaliza o IGAPE indicando que “tendo en conta todo o anterior, non cumpre todos os requisitos necesarios para a súa declaración como proxecto estratéxico."

A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños pídelle á Xunta "que deixe de ser cómplice de Edgewater na venda de fume á cidadanía galega"

Para a Plataforma, ademais de incumprir todos estes requisitos que sinala o IGAPE, o proxecto incumpre outro indispensable que xa foi posto de manifesto nas diversas alegacións presentadas, que é o da importancia tecnolóxica. Neste senso, a Plataforma recorda que o proxecto mineiro de Corcoesto destaca polo emprego do cianuro no proceso de extracción do ouro, que é unha tecnoloxía altamente contaminante e prohibida na minaría en países como Alemaña, a República Checa, Hungría ou Turquía, e que mesmo existe unha resolución do Parlamento Europeo do 5 de maio de 2010, pola que se insta aos estados membros á prohibición xeral do uso das tecnoloxías mineiras en base o cianuro dentro do conxunto da Unión Europea. Por todo o anterior, a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños pídelle á Xunta "que deixe de ser cómplice de Edgewater na venda de fume á cidadanía galega", e que "desbote dunha vez por todas este proxecto mineiro altamente contaminante, que no caso de aprobarse, vai comprometer o desenvolvemento futuro do sectores agro gandeiro, forestal, marisqueiro e turístico da comarca".

Corcoesto, na actualidade CC-BY-SA Salvemos Cabana

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.