A Coruña consuma o desaloxo dunha familia en Elviña tras unha forte resistencia cidadá

Os tres activistas subidos no tellado en Elviña CC-BY-SA M. Pereira

Superado pola enorme presión da policía, da comisión xudicial e do Concello, Álvaro Corral decidiu sobre ás 13.30 horas abandonar voluntariamente a casa e terreo onde viviu toda a súa vida xunto a súa nai e dous fillos. Fíxoo entre bágoas, emocionado e acompañado de varios activistas de Stop Desafiuzamentos e de cidadáns que trataron de impedir este desaloxo forzoso en San Vicente de Elviña, núcleo rural á entrada da Coruña, destinado a dotar de servizos á futura urbanización do parque Ofimático. Varios deles encadeáronse á casa e antes trataron de bloquear a entrada ao inmoble desde pasadas as 5 da madrugada, mentres que outros tres -entre eles o bombeiro Roberto Rivas, o mesmo que se negara a desafiuzar unha anciá hai ano e medio na mesma cidade- permaneceron varias horas subidos ao tellado para impedir os traballos dunhas escavadoras que mesmo empezaran o seu labor con xornalistas e manifestantes a carón dos muros.

A presión policial e do Concello puido co dono da casa, que a abandonou tras horas de resistencia cidadá

Máis dunha ducia de furgóns policiais, moreas de antidisturbios e varios policías locais conformaban o enorme dispositivo de seguridade que acordoaba non só a casa ameazada pola derruba, senón tamén boa parte do lugar de San Vicente de Elviña, o que provocou importantes retencións de tráfico na cidade e molestias para os veciños, moitos deles concentrados desde a madrugada ante a casa de Isabel, de 72 anos, e do seu fillo Álvaro. Xunto a eles, máis dun cento de cidadáns que intentaban impedir o desaloxo, o que provocou xa moi cedo os primeiros disturbios e cargas policiais que deixaron dous feridos, un home cun corte na cabeza e outra muller cunha escordadura. Eran varias das vinte persoas que se atopaban no interior da vivenda cando os policías procederon a desaloxala, cun uso "esaxerado da forza", segundo os alí presentes.

Pero non todos puideron ser expulsados da vivenda. Álvaro e o seu fillo permaneceron xunto ao seu avogado no interior, mentres que membros de Stop Desafiuzamentos -o bombeiro multado logo da súa negativa a desafiuzar a Aurelia Rey entre eles- subiron ao tellado, encadeáronse e bloquearon a entrada ao faiado e á parte superior imposibilitando o acceso da policía local, que foi quen liderou o dispositivo. Foi daquela cando os axentes requiriron a presenza dos bombeiros para poder acceder cunha escada ao tellado, pero o parque da Coruña negouse en pleno a colaborar no desafiuzamento e no desaloxo das tres persoas, entre eles un dos seus compañeiros.

Varios encadeados á vivenda e tres persoas no tellado, entre eles o bombeiro Roberto Rivas, paralizaron durante horas o desaloxo

Foron moitas horas de tensión, insultos e proclamas nunha zona na que cada vez se ían acumulando máis veciños e cidadáns que intentaban impedir un desaloxo que parecía inevitable. Ao tempo que soaban as bucinas de moitos coches que animaban desde a estrada, as campás da parroquia repicaron tamén con forza en varios momentos desde ben cedo. Era o aviso aos veciños para que acudisen á axuda dun dos seus nun lugar, San Vicente de Elviña, que é unha das poucas aldeas rurais que queda na cidade e que presume dunha unión e compañeirismo dos que nos quedan. Nin un dos que fora ilustre veciño, o escritor e xornalista Manuel Rivas, quixo deixar de apoiar. "É moi significativo o das campás porque aquí sempre houbo un sentido de comunidade moi grande e sempre foi un lugar de resistencia e coraxe", dixo quen acudiu tamén a "presenciar como se significa a desigualdade e a inxustiza".

As campás da parroquia repicaban para avisar do desaloxo aos veciños, entre eles Manuel Rivas, que viviu anos en Sani Vicente de Elviña

O deputado de AGE Antón Sánchez, o voceiro municipal de EU, César Santiso, e o portavoz do BNG no Concello, Xosé Manuel Carril, tamén estiveron presentes e este último mesmo pasou a noite con varios dos concentrados na casa ameazada e foi un dos últimos en ser desaloxado xunto ao resto dos activistas. Mentres, fóra os veciños repartían café entre os manifestantes que aturaban o frío desde as 5.30 da madrugada e xuntos berraban contra o alcalde, Carlos Negreira, contra a especulación, a prol da resistencia e prometendo que "Elviña será o próximo Gamonal".

Tras catro horas na parte superior da vivenda, e logo de que a policía local tivese que recorrer a un guindastre privado, os activistas de Stop Desafiuzamentos negociaron cos axentes no mesmo tellado ata que o propietario Álvaro Corral, superado pola presión do Concello e dun despregamento policial que mantiña illada a súa casa e varios veciños, decidiu abandonar voluntariamente a vivenda. Non sen que antes varios antidisturbios impedisen a entrada dos xornalistas a un terreo privado que fora cedido para que puidesen cubrir o desaloxo ou de que unha das persoas que subira á parte superior acabase mancándose. O desaloxo previsto para as nove realizábase finalmente preto das dúas da tarde.

Entre bágoas, aplausos e abrazos, Álvaro non puido -nin quixo- facer declaracións. Si o seu avogado, Antonio Vázquez, que lembrou que o desaloxo é "unha iniciativa unicamente do Concello da Coruña" e tras destacar que era "a primeira vez" que vía actuar desa maneira "unha unidade de antidisturbios da policía local". "A policía nacional só estivo de apoio aquí", dixo sobre unha actuación que, nas protestas da noite anterior, saldáronse cun detido que pasou xa a disposición xudicial. "Saímos voluntariamente porque isto é unha resistencia pacífica e non queremos xustificar a súa violencia", engadiu. Mentres, o alcalde Carlos Negreira advertía que tan só se estaba a cumprir "unha resolución xudicial" que chegou tras unha reclamación do propio Concello.

Os bombeiros da Coruña negáronse a colaborar no desaloxo e a policía tivo que contratar un guindastre privado

Coas escavadoras ao pé da casa e traballando en derrubar xa parte do exterior, só quedaba esperar para que Álvaro e Isabel perdesen de vez a súa casa. Foi ás 17.30 horas, máis de oito despois do previsto, cando as máquinas comezaron a tirala abaixo. E foi froito dunha expropiación que os obrigou cambiar a súa propiedade por outra con cargas e que non inclúe vivenda. Unha expulsión obrigada para unha urbanización de máis de 2.000 vivendas promovida pola Xunta e que leva vinte anos con atrancos, cambios e numerosas denuncias xudiciais.

Nin esta familia afectada inminentemente nin o resto dos veciños con ameaza de desaloxo viron aínda un peso da indemnización da Xunta. Uns 200.000 no caso Álvaro e Isabel pola casa e a horta onde vivían. Os cartos foron retidos polo Concello para cubrir os gastos de urbanización do Ofimático e o terreo que lles outorgaron en compensación preto da nova urbanización de nada lles serve porque din que nin teñen capacidade económica para construír nada nin promotor que llelo compre.

Álvaro e Isabel quedan sen casa, cun terreo no que non poden construír nin ninguén lles compra e con débedas

A súa proposta era a desafección, xa que, tal e como lembran e segundo as previsións, a vivenda de Álvaro e Isabel foi derrubada para construír unha ponte "que quedaría truncada a oito metros de altura, suspendida no aire" porque "aínda non está previsto onde rematará". Malia estar pendentes do resultado dun recurso ante a xustiza, o desaloxo consumouse ante o temor do Concello a que se atrasase ata despois do día 1 de decembro, data a partir da cal deberíase comezar cun novo proceso.

Eles son unha das cinco familias afectadas de Elviña pola ameaza de despexo, pero hai máis tamén noutras áreas que cobre o Ofimático. A pregunta que se fan en Stop Desafiuzamentos e entre os veciños e boa parte da cidadanía é se hai razóns para executar un parque de vivendas cun custo de execución tan grande e co que supón para o núcleo de San Vicente nunha cidade con case 20.000 vivendas baleiras. Ademais, tal e como lembran, o plan non ofrece alternativas para os veciños afectados, malia que si foi modificado en beneficio de Adif ou da propia Xunta de Galicia. Para Álvaro e Isabel, iso pouco importa agora xa. "Para uns poucos xubilados que quedamos aquí, isto é o que nos fan; é unha vergonza. Agora terán que volver empezar a súa vida, pero xa non é o mesmo", relataban os veciños que, coa cabeza baixa, volvías ás súas casas, algunhas delas tamén ameazadas.

Álvaro e Isabel, tras o desaloxo en Elviña CC-BY-SA M. Pereira
A policía, ante a casa cos tres activistas no tellado CC-BY-SA M. Pereira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.