A Coruña debate en 'Tecendo Litoral' que facer cos seus peiraos "sen coller atallos"

Fachada litoral da Coruña, co porto en primeiro termo © Concello da Coruña

Este venres e sábado A Coruña acollerá o Foro Tecendo Litoral, un encontro de reflexión e debate sobre o futuro dos terreos portuarios da cidade e os usos máis necesarios e convenientes para a cidadanía. No Foro, que terá lugar en Palexco, participarán expertos e expertas en urbanismo, medio ambiente, economía e produción pesqueira e tamén representantes de cidades que nos últimos anos levaron a cabo procesos semellantes de transformación dos seus antigos peiraos (Bilbao, Valencia, Barcelona, Maó ou a francesa Saint-Nazaire), que exporán as súas experiencias.

"Hai cidades que collen atallos, pero tamén hai cidades que apostan polo diálogo e polo debate cívico, pola construción colectiva, por contar con todas as voces e todas as mans á hora de tomar as súas decisións estratéxicas", destacou Ferreiro

O encontro abrirase o venres á primeira hora coa presentación (a cargo de Sebastiá Jornet e María Ríos) dos resultados do estudo que nos últimos meses desenvolveu un equipo que analizou as distintas posibilidades de utilización que presentan os terreos portuarios unha vez se vaian desafectando. Este estudo incluíu 60 entrevistas a distintos actores sociais implicados neste proceso. Na presentación do Foro, hai uns días, o alcalde Xulio Ferreiro destacou que “hai cidades que se pactan nos reservados dun restaurante, hai cidades que se pintan nunha servilleta e logo pagan a factura durante décadas" e que pola contra, "hai cidades que collen atallos, pero tamén hai cidades que apostan polo diálogo e polo debate cívico, pola construción colectiva, por contar con todas as voces e todas as mans á hora de tomar as súas decisións estratéxicas, aínda que iso supoña ir a outro ritmo o e renunciar a algunhas cousas", destacando a necesidade de que o uso que se lles dea aos 430.000 metros cadrados de espazo público sexa amplamente debatido e consensuado.

A pasada semana, buscando anticiparse á celebración deste Foro, Xunta e Goberno central asinaron un protocolo que reafirma o proxecto de 2004 para o porto interior da Coruña, baseado na privatización da maior parte da súa superficie e a construción de 4000 vivendas, grandes áreas comerciais e hoteis. Un pacto do que ademais excluíron a Concello e Deputación. "Non temos ningunha vocación de facer cidade, queremos pagar débedas", recoñeceu o máximo responsable de Portos do Estado, José Llorca.

No Foro Tecendo Litoral haberá tamén un espazo para a reflexión sobre a historia do porto e da relación da Coruña co mar, da man de Ana Isabel Filgueira e Xurxo Souto, que será seguido pola presentación dun mapeo colectivo das memorias do porto. O venres pola tarde analizaranse as oportunidades económicas da transformación dos peiraos e o peso que neles pode ter "a economía do mar", coa participación do economista da UDC Xoán Carmona, de Torcuato Teixeira (vicepresidente da Lonxa), representantes de AZTI -centro tecnolóxico de investigación aplicada do País Vasco- e de Emprendemar (Cambados).

Xa o sábado pola mañá presentaranse as experiencias de transformación doutras cidades, unha sesión que contará coa presenza de Ibon Areso, ex alcalde de Bilbao e principal implicado na rexeneración da rúa e o impulso do Guggenheim; Josep Bohigas, director de Barcelona Rexional; Stéphane Bois e Samuel Soriano, do polo metropolitano Nantes-Saint Nazaire, área metropolitana francesa con paralelismos coa coruñesa; ou Ramón Marrades, de Marina Valencia, organismo que traballa nun modelo de xestión conxunta dos terreos portuarios. O Foro pecharase o sábado pola tarde cunha sesión de debate aberto e posta en común aberta a toda a cidadanía.

 

O Foro terá lugar en Palexco © Concello da Coruña
Lonxa de Gran Sol, na Coruña © Concello da Coruña
Cartel do Foro © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.