A Coruña estrea o sábado a 'benvida cidadá' para bebés nados na cidade

Pazo de María Pita © Concello da Coruña

A Coruña estreará este sábado os bautizos civís. Aínda que non levarán ese nome, dous pequenos serán os primeiros en recibir esta benvida cidadá -a denominación oficial está por decidir- co que o goberno da Marea Atlántica dá resposta ás propostas recibidas xa hai tempo e coa que se unirá a unha iniciativa que xa se levou a cabo outros Concellos en Galicia como Moaña ou Pontevedra. 

Estes actos de recepción de novos veciños comezarán este primeiro sábado de abril e celebraranse de maneira "rápida e sinxela" despois das vodas previstas tamén para o mesmo día no salón de plenos do Pazo de María Pita. Nesta breve cerimonia, lerase un texto dalgún autor aínda por decidir e o Concello entregaralle á familia un documento oficial a modo de diploma coa célula de empadroamento, ademais dun pequeno obsequio. Suporán, segundo fontes da administración local, "un custo mínimo" e prevese que se celebren unha vez ao mes no caso de haber solicitudes. 

"Parécenos un acto bonito cun simbolismo que reivindica valores de cidadanía e que non intenta competir con nada", aclara o Concello

"Parécenos un acto bonito cun simbolismo que reivindica valores de cidadanía e que se nos pediu. Non intenta competir con nada pero se hai unha demanda neste sentido pois o Concello pode atendela e axudar a que as familias celebren deste xeito a chegada de novos membros", explican fontes de María Pita, que aclaran que o devandito acto "non impón nada a ninguén e supón tamén unha defensa da diversidade que existe na nosa sociedade". "Está feito sen buscar ningún golpe de efecto nin polémica senón todo o contrario, dándolle valor ao feito de ser cidadán e tamén ás institucións democráticas", remata. 

O primeiro destes bautizos civís será oficiado polo alcalde, Xulio Ferreiro, encargado tamén de oficiar as vodas o mesmo día, e o Concello indica que todo aquel que desexe levar a cabo este acto de recepción deberá solicitalo no rexistro municipal.

Pazo de María Pita © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.