A Coruña pon en común "as loitas das nacións sen Estado e dos pobos oprimidos"

Presentación das xornadas d'A historia da Europa Decolonial © AGEe

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) presentou xunto ao voceiro nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, e o ex embaixador de Bolivia ante a UE e agora membro da Rede de Decolonizar Europa, René Fernández, as xornadas que os días 19 e 20 de febreiro reunirán no Paraninfo da Universidade da Coruña a máis dunha vintena de representantes de diferentes colectivos de "pobos oprimidos de toda Europa".

Baovaentura de Sousa Santos, membros da CUP e do SAT e Xosé Manuel Beiras serán algúns dos protagonistas das xornadas

Baixo o título A historia da Europa Decolonial e da Europa dos Pobos sen Estado, as xornadas organizadas polo GUE/NGL e AGEe -en colaboración con Decoloniality Europe-Galiza Decolonial- traerán á Coruña o sociólogo portugués Boaventura de Sousa Santos, integrantes das CUP de Catalunya, do SAT e da Islamic Human Rights Commision, entre outras, para participar en diferentes mesas de debate abertas ao público nas que tamén estarán presentes a propia Lídia Senra, Xosé Manuel Beiras, a galega Helena Miguélez-Carballeira, o responsábel de Relacións Internacionais do SLG, Xosé Ramón Cendán, o de Relacións Internacionais da CIG, Moncho Boán, e concelleiras da Coruña, Vigo ou Marín.
“O que se pretende con estas xornadas de dous días de moita intensidade é seguir establecendo pontes políticas comúns entre a Europa das nacións sen Estado e a Europa dos pobos oprimidos pola historia colonial”, indicou Lídia Senra.

A eurodeputada destacou a importancia para AGEe de organizar e participar nunhas xornadas internacionais deste tipo, “onde poidamos seguir poñendo en común, seguir colaborando e intercambiando experiencias entre os diferentes movementos desta loita dos pobos oprimidos que non é nova”. Destacou que o importante será “coñecernos e intercambiar ideas, dialogar, tendo en conta que estamos nun marco de globalización cada vez máis crecente, onde as decisións políticas que se toman cada vez sen fan en espazos máis afastados de nós, e ante iso, é fundamental que dialoguemos e nos coñezamos”.

Pola súa banda, René Fernández explicou que a Rede Decolonizar Europa está composta por membros en toda Europa que tratan de debater e difundir pensamento tendo en conta que as ramificacións do colonialismo hoxe en día perpetúan sistemas patriarcais, eurocentristas, de negación do ser e do dereito de autodeterminación dos pobos, entre outro tipo de opresións.

As charlas buscan "a interacción con toda a xente que loita contra as redes de poder que someten aos pobos a presións produto da historia colonial"

En definitiva, trataríase de "entrar en interacción con toda a xente que loita contra as redes de poder que someten aos pobos a presións produto da historia colonial" e con “suxeitos como é o caso dos pobos sen estado que están sometidos á ficción dos Estados-nación”, afirmou. “O que buscamos con este encontro é reflexionar sobre o que nos une, sen perder a nosa personalidade e particularidade de cada un, nutrirnos de reflexións comúns. Cada pobo, colectivo, grupo oprimido ten a súa propia maneira de vivir a realidade que lle afecta en cuestión e unha lectura común sobre de onde ven axuda”.

Na súa intervención, Xosé Manuel Beiras explicou que para a cidadanía galega “é sabido que hai moitos anos que en Galiza o pensamento nacionalista de esquerda estableceu o principio de que Galiza non era só unha nación oprimida, senón unha colonia interna do Estado español”. “E ese fenómeno ten outros análogos noutras partes do planeta”, exclamou.

“Pasamos de ser unha colonia do Estado español a ser unha colonia de Europa, e todo está relacionado coa abolición da soberanía nacional”, dixo Beiras, para denunciar que cando un pobo vota algo que non convén, directamente os poderes europeos non o aceptan. “Non aceptan que emerxa unha esquerda social que se libere das políticas agresoras, e daquela desde a UE manipúlase todo e borbonéase, actuando cos sectores reaccionarios”, asegurou.

O voceiro de Anova tivo unha especial mención para Ramón Grosfoguel, de Europa Decolonial, e discípulo de Boaventura de Sousa Santos, “unha figura de enorme prestixio”, de quen en certa medida partiu a idea de artellar estas xornadas.

Cartel das xornadas © AGEe

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.