"A crise amosa o que levamos anos denunciando: este sistema só xera pobreza"

Lucía López Bayo, presidenta de Implicadas © Sabela Moscoso

Hai agora un mes, a ONG Implicadas no Desenvolvemento celebrou a súa asemblea de socios. Nomeou a xornalista Lucía López Bayo, que leva na organización oito anos, como nova presidenta e despois de ter traballado xa en áreas de comunicación ou fortalecemento nas redes dentro da propia asociación. Agora, explica a Praza os plans de futuro.

Cales son os próximos obxectivos de Implicadas?

Implicadas leva traballando en Galicia e nos países do sur, principalmente na India, desde hai 16 anos. A organización pasou por diferentes procesos e agora temos unha estrutura estable, tanto en canto a persoal como en canto á sustentabilidade económica. Nesta mesma fin de semana iniciamos un proceso de planificación estratéxica para os vindeiros cinco anos e os obxectivos xerais son consolidar esta estrutura, tamén en canto ao voluntariado que colabora con nós, e traballar máis o eido da sensibilización, de intervir máis nos debates políticos e sociais.

"A crise pon de manifesto o que Implicadas leva denunciando anos: o sistema no que vivimos só xera pobreza"

Nesta época de crise brutal e recortes, é máis necesaria que nunca esa sensibilización, así como implicarse nos problemas derivados das decisións políticas?

As dúas cousas van da man. Estamos nunha situación de crise que pon de manifesto o que hai tempo que vimos denunciando: que o sistema político no que vivimos, dominado polos mercados, non funciona e só xera pobreza aquí en Occidente e nos países do sur. A crise pon sobre a mesa de  maneira máis clara isto e a xente veo con moita máis claridade tamén. Isto permítenos seguir poñendo de manifesto todo o que vimos defendendo e tamén achegarnos a máis xente, porque comprende mellor as nosas mensaxes.

Vense na obriga de priorizar os proxectos en Galicia sobre os dos países do sur pola crise?

Non, non nos obriga a priorizar. Seguiremos na mesma liña pero tendo en conta de que o que facemos aquí en Occidente repercute noutros países. Nós somos responsables do que pasa noutras partes e a xente ten que ser consciente diso. A nosa filosofía de traballo en Galicia procura que a xente poida crear esa conciencia crítica, analizar o que ocorre e actuar de diferentes maneiras, de maneira individual cos seus actos ou participando en organizacións como a nosa.

Está a xente máis concienciada?

A xente está máis receptiva ás mensaxes porque a crise vén demostrar o que nós levamos advertindo desde hai tantos anos. A xente veo máis claramente porque lle está a repercutir directamente.

"A nova lei de subvencións das organizacións provocará que moitas teñan que pechar; as ONG teñen que ser independentes economicamente"

Supoño que a concienciación por parte das administracións non é a mesma...

Obviamente non. Estanse recortando as axudas á cooperación, hai unha proposta de reforma para a lei de subvencións que vai afectar a todas as organizacións... Desde o terceiro sector xa se está a advertir de que esa modificación, que mete no saco a todo tipo de asociacións, suporía unha maneira de financiarse similar ao das empresas e para as organizacións sociais é imposible traballar así. Moitas delas veranse obrigadas a pechar.

Supón iso tamén un problema para Implicadas?

En Implicadas, desde hai anos, a nosa metodoloxía de traballo baséase en non depender exclusivamente dos fondos públicos. De feito, en 2013 case o 100% dos fondos foron propios e non tivemos ningunha subvención da Xunta de Galicia. As organizacións teñen que ser independentes economicamente, o que non quere dicir que as administracións non teñan que distribuír os cartos públicos determinados para eses obxectivos sociais. Financiámonos con doazóns, as cuotas dos socios que temos  e con actividades de recadación.

"O importante para as ONG é traballar ao longo do tempo, ser coherentes e ter credibilidade; así é como terás apoios"

En que posición ve as ONG de cara aos vindeiros anos?

O importante é o traballo que fan as ONG ao longo do tempo e de maneira coherente. Esa é a maneira de chegar á xente, de ter credibilidade e de ter apoios. Obviamente, as organizacións van ter que se replantexar as súas maneiras de sustentarse, pero non é imposible. Unha das funcións destas organizacións é traballar na socidade civil e lanzas mensaxes que a xente entende, comprende e crean conciencia... As persoas poden ir creando a súa propia conciencia crítica a través das mensaxes que reciben e non creo que os fondos económicos vaian privarnos diso. É máis unha cuestión de traballo continuo e de conciencia.

Lucía López Bayo, presidenta de Implicadas © Sabela Moscoso

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.