"A crise do sistema fai que a xente reclame máis explicación sobre o que está pasando"

Alberto Pradilla Dominio Público Praza Pública

"Vivimos un cambio de época na comunicación?". É unha das preguntas ás que ao longo desta semana busca responder o seminario da UDC Medios, comunicación e poder, organizado pola Rede de Dereitos Sociais, e que até o xoves acolle NORMAL, Espazo de Intervención Cultural. As xornadas buscan afondar nas transformacións que acompañan a acelerada introducción na sociedade das novas tecnoloxías da información e a comunicación, e no impacto que están tendo para a comunicación política, a actividade discursiva dos movementos sociais e a súa relación coa opinión pública, provocando alteracións nos mecanismos de creación de hexemonía no imaxinario cultural e para as fendas que abre a viralidade da información en rede.

Polo seminario pasaron xa Javier Toret, Tati Mancebo ou Iván Sánchez, que o luns centraron as súas análises nas redes sociais. Ou Bárbara G. Vilariño e o profesor e activista Víctor Sampedro, que afondou nos mecanismos de creación da opinión pública. Este mércores será a quenda da exposición dalgunhas iniciativas mediáticas galegas, coma GZ Contrainfo, ou Novas da Galiza, Sermos Galiza, Praza Pública e Cuac FM, que participarán nunha mesa redonda. O xoves será o momento de escoitar dúas das voces máis agardadas nestas xornadas, as de Santiago Alba (co relatorio Comunicación, occidente vs oriente) e Pablo Iglesias, que falará de Comunicación contrahexemónica. E de asistir á proxección dos contidos de Galiza Ano Cero.

O xoves será o momento de escoitar dúas das voces máis agardadas nestas xornadas, as de Santiago Alba (co relatorio Comunicación, occidente vs oriente) e Pablo Iglesias, que falará de Comunicación contrahexemónica

Unha das intervencións máis interesantes das dúas primeiras xornadas foi a realizada por Alberto Pradilla, correspondente de Gara en Madrid. Unha posición complicada, dende logo, podería dicirse que traballando en terreo inimigo, realizando un xornalismo incómodo, que racha coas versións oficiais e os discursos únicos. Pradilla, de apenas 30 anos, tamén traballou como correspondente ou enviado especial en Palestina, Siria ou o Kurdistán. En Madrid Pradilla leva dous anos relatando múltiples crises: a económica, a do sistema saído da Transición e a da articulación territorial do Estado, e as distintas respostas sociais emerxentes a través dunha das iniciativas xornalísticas profesionais e críticas máis consolidadas no Estado. "Non me gusta falar de comunicación alternativa, porque parece que é algo que no panorama mediático te reclúe na marxinalidade" -destaca- "no meu caso, Gara aposta por un xornalismo transformador, por un xornalismo crítico, pero tamén por un xornalismo profesional. Tampouco me gusta o de comunicación alternativa, porque creo que os xornalistas debemos facer xornalismo, non axitación e propaganda".

"Non me gusta falar de comunicación alternativa, porque parece que é algo que no panorama mediático te reclúe na marxinalidade"

Fronte ao diagnóstico xeral que certifica "a crise do xornalismo", Pradilla sinala que "o que está en crise, sobre todo, é un modelo xornalístico clientelar, de que hay de lo mío, de pago de favores". "Non é casualidade que nos quioscos españois todos os xornais vaian dende o centro até a extrema dereita. Porque son as grandes empresas as que pagan e sosteñen esta estrutura", di, e pregúntase: "Por que dende que desapareceu Público non hai un diario en papel cunha visión de esquerdas e transformadora?".

E fronte a iso salienta que "tanto a crise de modelo coma a crise económica fan que a xente reclame explicacións sobre o que está pasando ao seu redor. E iso é o que fai que haxa cada vez máis necesidade dese modelo xornalístico profesional e crítico". Cre que "o xornalismo non desaparece, sempre vai haber persoas interesadas en ler historias contextualizadas, profesionais e traballadas, que expliquen unha parte do mundo e que lle fagan ao lector replantear a súa visión". A este respecto, aínda que lembra que "as condicións sociais que existen en Euskalherría son moi diferentes ás que se dan no Estado español", é posible poñer en marcha outro modelo de medios de comunicación, "vinculado a unha comunidade lectora, non a un partido".

Destaca que "a raíz da desaparición de Público xurdiron experiencias moi interesantes, como El Diario.es". E engade que é un "namorado" de La Marea, "un medio moi interesante, moi honesto e moi comprometido e que parte tamén desa idea, da necesidade de que exista xornalismo crítico e transformador, pero profesional". E "por suposto", do "estupendo traballo que fan en Diagonal e en La Tuerka".

"Tanto a crise de modelo coma a crise económica fan que a xente reclame explicacións sobre o que está pasando ao seu redor. E iso é o que fai que haxa cada vez máis necesidade dese modelo xornalístico profesional e crítico"

Pradilla aposta por ir creando estruturas profesionais que permitan facer xornalismo crítico: "A profesionalidade é moi importante, porque para ter un tema traballado, iso necesita un tempo, necesitas coidar as fontes, necesitas facer dez mil chamadas de teléfono. As novas non chegan de roldas de prensa, chegan despois de moito traballo, de acudir a mil sitios nos que non obtés nada. Non se me ocorre alternativa ás redaccións profesionalizadas. Un blogueiro pode publicar unha exclusiva algunha vez, pero o labor de contextualización e investigación que realizan os xornalistas vai seguir existindo". E tamén por un modelo de xornalismo, sobre todo para os medios impresos: "non teñen sentido os contidos de breaking news para a prensa de papel. Non é lóxico que merques un periódico un día que está chovendo para que che conte que onte fixo sol. Os xornais van estar cada vez máis vencellados ás sinaturas, a persoas nas que confiamos pola súa profesionalidade. E os xornais van tender a dirixirse a unha comunidade moi concreta que busca uns contidos". 

 

Contar España a Euskadi

Esta crise estrutural, para o xornalista, "está xerando novas dinámicas políticas que creo que merecen ser contadas dende unha perspectiva crítica e progresista

"O meu papel é tentar explicar en Euskalherría que ocorre no Estado español, dende unha perspectiva de esquerdas e transformadora", resume Pradilla, que cre que no Estado "se está vivindo un momento apaixonante", e afirma que "hai unha crise estrutural moi grande, hai unha crise territorial en Catalunya e no País Vasco e hai unha crise social en todo o Estado. Estamos vivindo o final dun modelo". Esta crise estrutural, para o xornalista, "está xerando novas dinámicas políticas que creo que merecen ser contadas dende unha perspectiva crítica e progresista: dende a defensa dos servizos públicos até os desafiuzamentos, que son un exemplo que como a sociedade foi por diante da clase política".

Esta crise está mudando a forma en que algúns sectores sociais e políticos en Madrid analizan o conflito político vasco? "No tema represivo si que percibo unha evolución" -di- "e supoño que ten que ver con que nos últimos dous ou tres anos Madrid viviu un espertar, cunha gran mobilización social en distintos ámbitos". Afima que "hai unha cousa que parte da esquerda española non entendeu ben, que é que asumir o dereito do inimigo, que aplicou o Estado español contra o soberanismo vasco, fai que o Estado español sexa moito máis irrespirable para os seus propios habitantes. Ese todo es ETA termina facendo que Ada Colau sexa sinalada".

Considera que co tema nacional "aínda falta moito por entender, fai falla máis pedagoxía e máis empatía". Explica que "por desgraza mesmo dende a esquerda segue sen entenderse a demanda de soberanía"

Porén, considera que co tema nacional "aínda falta moito por entender, fai falla máis pedagoxía e máis empatía". Explica que "por desgraza mesmo dende a esquerda segue sen entenderse a demanda de soberanía. A demanda de soberanía é demanda de máis democracia e se de algo carece o réxime español é de democracia. Esa consulta sería sa non só para a cidadanía catalá, senón tamén para a española, porque significaría que vive nun lugar máis respirable". E destaca que "os ataques ao independentismo utilízanse como unha cortina de fume, porque é un elemento que serve de cohesión a unha forma de identidade española". Con todo, conclúe que "vivindo en Madrid decateime de que hai unha parte da cidadanía española que é respectuosa co dereito de autodeterminación e coas opinións das nacións sen Estado. E esa é a xente que confío que cando Euskalherría sexa independente conseguirá que sexamos unhas boas relacións de veciños".

Alberto Pradilla © Naiz.info
Programa do seminario 'Medios, comunicación e poder' Dominio Público RDS

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.