A crise e os recortes sociais incrementan os casos de estrés e ansiedade, que son xa as principais enfermidades atendidas nos servizos de psicoloxías e psiquiatría desde o comezo da recesión. As principais institucións médicas advirten destas doenzas derivadas dos problemas económicos, pero advirten tamén de que “no ámbito social adóitase esquecer que o colectivo máis afectado, vulnerable e desfavorecido polas consecuencias da crise, é o das persoas maiores”, tal e como recorda o galego Raimundo Mateos, presidente da Sociedade Española de Psicoxeriatría (SEPG), especialidade que trata as enfermidades mentais das persoas de maior idade.
Os maiores son os máis afectados polo estrés e a depresión derivados da crise ao "sentírense responsables da mala situación das súas familias"
Así, os datos están avalados polas principais institucións médicas e de seguros públicas e privadas e os expertos en psicoxeriatría, que aseguran que este grupo de poboación é o máis afectado polo estrés, o que atribúen, basicamente, a que os maiores “séntense responsables pola mala situación das súas familias e por ter que axudalas e solucionarlles as súas dificultades económicas”.
As estatísticas son claras. A depresión é o problema mental que máis se consulta nos usuarios de atención psiquiátrica da maioría das aseguradoras médicas españolas, ata acadar cotas do 14%. Pero nos maiores de 60 anos, por exemplo, esta porcentaxe chega ao 36%, un número que se agrava porque a partir desa idade, o estrés é a principal causa de depresión “e pode xerar outras moitas enfermidades”.
Segundo o último estudo da SEPG de 2011, a prevalencia de trastornos mentais en xeral na denominada terceira idade chega ao 35%, mentres que a depresión afecta a un 25% na xente que supera os 65 anos. “Ante situacións de crise, a persoa maior pode adoptar unha enfermidade psiquiátrica, normalmente ansiedade e depresión, e outras físicas”, asegura Mateos nun comunicado.
“Ante situacións de crise, a persoa maior pode adoptar unha enfermidade psiquiátrica e outras físicas”
“O corpo e o organismo están máis débiles e envellecidos polo paso do tempo e por devandita situación de estrés, co que é máis fácil que se descompensen doutras patoloxías que se están producindo como diabetes, hipertensión ou problemas circulatorios”, engade.
A clave é que a resposta ante o estrés e a capacidade de controlalo e xestionalo “é o que determinará que apareza ou non a enfermidade”. “É diferente” nos maiores, destaca Raimundo Mateos, que insiste en que “as circunstancias que provocan o estrés, agás situacións extremas, non son importantes en si mesmas, pero si como as senta e controle o paciente”. “As circunstancias físicas, mentais, emocionais e sociais, diminúen nos maiores a súa percepción de control sobre o estrés”, engade.
Ademais, os prexuízos sociais tamén inflúen na situación dos maiores, xa que “tenden a marxinar a persoa anciá, a identificar vello con inútil ou con alguén que non serve xa para nada, a invalidar a súa capacidade de ensinar, ter sexualidade ou participar activamente na sociedade”.
Os recortes nos coidados sociosanitarios aumentan o risco de sufrir estrés e depresión nos maiores
Do mesmo xeito, economicamente os anciáns “atópanse debilitados por unhas baixas pensións e os recortes económicos e sociais”. “Paralelamente, deben enfrontarse a máis número de perdas, maior volume de tempo libre que non saben xestionar por terlle feito crer que non se merece ou non precisa, así como unha menor vitalidade e máis necesidade de coidados sociosanitarios que, á súa vez, diminuíron coa crise”, insisten desde a SEPG, que destaca así os problemas de saúde que entre os máis veteranos causan os recortes nas políticas sociais.
Chega incluso a aclarar que se pode producir “unha reacción patolóxica”, derivada de que os acontementos que xeran os problemas “son moi intensos ou desagradables ou que o organismo está máis debilitado”. Esta problemática faise incluso máis grave en Galicia, xa que os casos de enfermidade mental nas persoas maiores tamén aumentan ante o progresivo envellecemento da poboación que, ao xuntarse coa crise, fai que as urxencias psicoseriátricas dos hospitais estatais pasen do 5 ao 12% desde que comezara a crise.
Ante esta situtación, a SEGP cre que as circunstancias “esixen que a atención psicoxeriátrica sexa específica, moi ben planificada e centrada na prevención xa que, na actualidade unicamente se detecta o 50% das patoloxías psiquiátricas na vellez desde a Atención Primaria”. “O infradiagnóstico encarece a curto e longo prazo a atención sociosanitaria necesaria nestes casos o que, unido aos recortes, pode derivar nunha maior problemática”, insiste.
A SEGP pide ao Estado que aborde a problemática "aumentando o gasto sanitario público e centrándose na prevención"
“É máis efectivo, útil e económico, tanto para o usuario como para o Estado, abordar esta problemática desde a prevención e o aumento do gasto sanitario público, que actualmente sitúase en España no 5% dos orzamentos dedicados a este ámbito, moi por baixo do necesario e do que é habitual noutros países de Europa”, quéixase Mateos.
Así, os expertos reivindican “o recoñecemento como subespecialidade da psiquiatría xeriátrica para poder desenvolver políticas de prevención, nun futuro, máis importante que a propia curación fronte á psiquiatría reactiva que se fará insostible, sobre todo tendo en conta o envellecemento poboacional”.