"A crise é un burato negro que absorbe todo e o cambio climático deixa de ser prioritario"

Acción de Greenpeace na central térmica das Pontes © Greenpeace

"A crise fai un burato negro e absorbe todo o demais. As cuestións relacionadas co paro e co laboral, co empobrecemento ou co empeoramento da calidade de vida van focalizando as percepcións de ameaza da sociedade, mentres os problemas medioambientais van desaparecendo das prioridades". Así o asegura Pablo Ángel Meira Cartea, profesor e investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e director da terceira entrega do informe La respuesta de la sociedad española ante el cambio climático. 2013, que explora a visión da poboación española sobre a problemática das alteracións climáticas.

A terceira parte deste informe constata que os problemas relacionados coa crise "absorben" calquera percepción de ameaza do cambio climático

Elaborado polo grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental da USC, e co apoio de Fundación Mapfre, o informe analiza en tres fases a percepción social sobre os perigos que asolan o medio ambiente. Este último, referente a 2012,  "amosa que o contexto actual de crise económica está a diminuír a relevancia que a poboación lle outorga ao cambio climático e ás ameazas que comporta".

Segundo Pablo Ángel Meira, un dos cambios máis importantes que se aprecie neste terceiro informe é que "a xente percibe que nos medios, sobre todo na información que chega dende as administracións estatal e autonómica, cada vez se fala menos e se fai menos fincapé no cambio climático, que desaparece da axenda política e cuxa difusión queda reducida".

"O problema do cambio climático desaparece da axenda política e dos medios"

Pero hai máis factores que explican esta desaparición da problemática do cambio climático da axenda. "Tamén está a denominada ecofatiga. Percíbese como fracasada ou atascada a estratexia contra o cambio climático e iso a xente tamén o ten en conta. Non se consensúan nin se aplican políticas e a falta de efectividade nas medidas que se veñen tomando ou intentando tomar tamén inflúe na sociedade", insiste Meira, que destaca, no entanto, algún "paradoxo" que reflicte o estudo.

"Curiosamente, a maior parte das medidas contra o cambio climático van aumentando o seu apoio entre a cidadanía, malia que non se fale tanto do tema. A xente valora que se diminúan as emisións contaminantes ou que se penalicen os automóbiles que máis polución provocan, o que demostra que a sociedade non deixa de ser consciente do problema", asegura.

"Malia todo, o apoio da cidadanía ás medidas contra o cambio climático vai aumentando"

O informe que se presenta este xoves en Madrid é o terceiro dun proxecto iniciado en 2008. A súa finalidade principal é mellorar a comprensión de como a sociedade española percibe e representa o cambio climático, o que se denomina o factor social. "O coñecemento deste factor  é unha variable clave para impulsar políticas que contribúan a mitigar os riscos ambientais, sociais, sanitarios e económicos que comporta  e comportará para a sociedade española", destacan os seus autores.

Os datos amosan que a conciencia social sobre o cambio climático non depende unicamente de que a poboación teña un acceso maioritario á información sobre esta materia. Existen outras variables ligadas a factores contextuais e situacionais que están a condicionar as percepcións. Neste sentido, "o 90,1% das persoas enquisadas consideran que o cambio climático está a ocorrer, pero non o sinalan entre os principais problemas que lles afectan a elas mesmas e á cidadanía no seu conxunto", insisten. A dificultade para valorizar os riscos climáticos está ligada a unha conxuntura de profunda crise económica que focaliza a atención social e dilúe outras ameazas que non sexan as derivadas da mesma crise.

Central térmica de Meirama CC-BY-SA Pilar Ponte

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.