A débeda ilexítima, a debate

Cartaz do encontro Dominio Público Plataforma pola Auditoría Cidadá da Débeda

O nodo galego da Plataforma pola Auditoría Cidadá da Débeda (PACD) organiza o vindeiro sábado en Compostela o II Foro Galego da Débeda. A cita terá lugar no Centro Social do Castiñeiriño (R/ Virxe de Fátima Nº1), en horario de mañá e tarde, de 10:30 a 14, e de 17 a 21 horas. A plataforma leva meses traballando na visualización "da evidente relación entre a débeda e as politicas de austeridade", e en "desmontar o carácter sagrado que se lle pretende dar, permitindo deste xeito enfrontar as consecuencias que ten para nós".

Nas sesións da mañá explicarase o lema da PACD, “Non debemos, non pagamos”, a través de dúas palestras: unha sobre a xénese da débeda e outra sobre as súas consecuencias, a cargo de Marta Rodríguez e de Carlos Taibo, respectivamente. Pola tarde, haberá unha mesa de debate con diversos colectivos en loita en ámbitos coma os da educación, vivenda, saúde, afectadas pola banca, medio rural e feministas. Deste xeito, téntase poñer en perspectiva a relación entre a débeda e ditos sectores e así introducir de que maneira sería aplicable a ferramenta da auditoría. No encontro participarán tamén un representante do colectivo portugués Democracia e dívida. O foro pretende ser un espazo de contacto, de coñecemento e de debate, "que nos permita avanzarmos de maneira conxunta nunha resposta social á crise".

Cartaz do encontro Dominio Público Plataforma pola Auditoría Cidadá da Débeda

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.