A Deputación da Coruña afasta o Concello de Cabana da xestión do dolmen de Dombate

Complexo arqueolóxico de Dombate © Salvemos Cabana

A Deputación da Coruña asume desde comezos deste 2016 a xestión cultural do dolmen de Dombate, da que se encargou o Concello de Cabana no último ano e medio. A institución provincial decidiu non renovar o convenio para xestionar o centro de interpretación do xacemento arqueolóxico a través da administración local e medita agora se se encarga directamente del ou se é un servizo externo o que o fai. 

A Deputación decidiu non renovar o convenio co Concello de Cabana logo das críticas pola falta de control e o exceso de visitas

A decisión da Deputación coruñesa cambia a tendencia seguida nos últimos anos, nos que se cederon aos concellos os bens que se ubicaban no seu territorio. Continuará así, polo momento, en todos os casos pero non no de Dombate, por ser este un lugar especial, único e a xoia do megalitismo en Galicia, segundo o organismo provincial. Pero no fondo atópanse as diferenzas co modelo de xestión levado a cabo polo Concello de Cabana de Bergantiños e o rexeitamento aos métodos empregados para a súa conservación e divulgación. 

Xa hai medio ano, colectivos como Salvemos Cabana denunciaran o exceso de visitas e a falta de control no complexo arqueolóxico, o que provocaba riscos para o patrimonio ante o exceso de visitas e ante as actuacións que xa causaran danos nalgunha réplica. A asociación, que reclamaba daquela "medidas urxentes" por parte da Deputación, di agora que detrás deste cambio de xestión se atopa a política "errónea" do alcalde de Cabana, José Muíño, por traer visitantes "a milleiros" sen prever as consecuencias. 

Salvemos Cabana advertiu dos riscos da xestión do Concello por usar a área do dolmen como sala multiusos para varias actividades

Salvemos Cabana advertiu en varias ocasións do risco de converter o xacemento nunha sala de usos múltiles para a realización de actividades con presenza masiva de público e reclamara a valoración por parte de expertos do estado actual das pinturas do megalito e a limitación de visitas ao recinto. A Deputación, propietaria do dolmen, creou un equipo baixo a supervisión de Fernando Carrera, profesor titiular da Escola de Restauración e Conservación de Bens Culturais de Galicia, para controlar as condicións das pinturas do monumento. 

O alcalde de Cabana non comparte a decisión levada a cabo pola institución provincial e critica as formas da área de Contratación e Patrimonio, que recae nas mans do BNG. En declaracións a La Voz de Galicia, José Muíño, cre que todo é froito da "arqueopolítica" e defende a súa xestión por ir "na dirección correcta". Hai medio ano, o rexedor presumía das "20.000 visitas" que recibira o dolmen de Dombate desde que a a administración local se fixera cargo da súa xestión tras asinar o convenio coa Deputación. Ao tempo, colectivos como Salvemos Cabana denunciaban que chegaban a xuntarse 200 persoas á vez no complexo, o que provoca os "cambios das condicións e a afectación sobre as pinturas". Ademais, segundo o colectivo, un só vixiante era o encargado de ocuparse tanto da réplica como do monumento orixinal.

O rexedor de Cabana defende a súa xestión e censura a decisión da institución provincial

Agora, Salvemos Cabana celebra a decisión da Deputación porque "permitirá a conservación axeitada do monumento e o seu mantemento como xacemento arqueolóxico de primeira orde e non como un mero recinto multiusos". 

O dolmen de Dombate foi dado a coñecer polo historiador Manuel Murguía e o propio Eduardo Pondal inmortalizouno en 1885 no seu poema Queixumes dous pinos. Os primeiros estudos detallados do monumento foron realizados durante o século XX por Parga Pondal e Pérez Bustamante, entre outros, pero non foi ata finais dos anos 80 cando se levaron a cabo escavacións que puxeron de manifesto a súa estrutura de cámara e corredor, con pinturas e petroglifos nas súas lousas, o que fai que este monumento do IV Milenio a.C sexa actualmente considerado como a Catedral do Megalitismo en Galicia.

O monumento é propiedade da Deputación da Coruña, comprado por acordo plenario en 1975 tras a adquisición de terreos cunha superficie total de 715 m² na parroquia cabanesa de Borneiro, e declarado Ben de Interese Cultural (BIC) o 11 de marzo de 1978.

Danos no complexo do dolmen de Dombate © Salvemos Cabana
Complexo arqueolóxico de Dombate © Salvemos Cabana

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.