A Deputación de Lugo implícase na oposición á minaría salvaxe nos Ancares

Os Ancares Dominio Público Praza Pública

O Órgano Reitor da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, presidido polo máximo responsable da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, aprobou este luns por unanimidade unha proposta do Sindicato Labrego Galego para emitir un informe sobre o impacto negativo dos proxectos mineiros de Goldquest Ibérica e presentar alegacións.

A empresa pretende levar a cabo unha explotación mineira en 12.000 hectáreas de terras repartidas nos termos municipais da Fonsagrada, Baleira, Baralla e Becerreá. A práctica totalidade da zona na que Goldquest vai buscar minerais aféctalle ao territorio da Reserva da Biosfera do río Eo-Oscos-Burón e da Reserva da Biosfera Terras do Miño. Ademais, aféctalle tamén ao Lugar de Interese Comunitario (LIC) Serra da Foncuberta, unha zona incluída da proposta de ampliación da Rede Natura que está tamén en plena tramitación. Dende a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) explican que, no caso da reserva Eo-Oscos-Burón unha mina podería afectar de maneira "directa" ao río Eo con "consecuencias" na canle fluvial "e tamén na desembocadura da ría de Ribadeo, incluída na propia reserva e tamén considerada "LIC e Zona Húmida de Importancia Internacional".

O SLG lembra que até o de agora a oposición á minaría salvaxe "só contou co apoio institucional dalgúns concellos afectados, pero nunca cun ente de ámbito provincial"

Para o SLG, a implicación directa da Deputación de Lugo "marca un antes e un despois na oposición á minaría salvaxe na Galiza". Destaca que "en loitas semellantes, como a desenvolvida na Terra Chá contra os proxectos de Erimsa, a Deputación limitábase a informar os expedientes que afectaban a vías provinciais". E lembra que até o de agora a oposición á minaría salvaxe "só contou co apoio institucional dalgúns concellos afectados, pero nunca cun ente de ámbito provincial". O sindicato anuncia que vai proceder de igual xeito para que a Deputación se implique tamén na oposición aos proxectos de Goldquest na Reserva da Biosfera Terras do Miño -na que está incluída o concello de Baralla, tamén afectado- e cuxos órganos rector e de participación se reunirán este mércores 31 de xullo.

As reunións dos órganos de xestión da Reserva da Biosfera dos Ancares lucenses, que tiveron lugar en San Román de Cervantes, serviron para a aprobación inicial do Plan de Acción desta reserva, así como para a admisión de novas solicitudes de asociacións para a súa inclusión no órgano de participación.

Ao contrario do que acontece noutros casos, como por exemplo en Corcoesto, na montaña luguesa non todas as autoridades locais "aplauden" a posible chegada da multinacional mineira

Ao contrario do que acontece noutros casos, como por exemplo en Corcoesto, na montaña luguesa non todas as autoridades locais "aplauden" a posible chegada da multinacional mineira. Un dos concellos nos que reina maior desconfianza é na Fonsagrada, cuxo alcalde, Argelio Fernández (PSdeG), amosa múltiples receos, a comezar por que a Xunta "autorice 2.000 mostras, sobre 396 cuadrículas entre catro concellos" sen sequera "consultar" nin "comunicar formalmente" a quen "temos a responsabilidade de xestionar este territorio". "Se vén unha multinacional o que que pretende é levar o valor engadido e deixarnos a nós os problemas". Por este motivo pregúntase ademais cal é "a vontade da Xunta" de cara a unha eventual autorización dunha mina. "Nunca se preocuparon de traer nada importante para esta terra e só falta" que permitan "que os de fóra poidan levar a riqueza que, hipoteticamente, poidamos ter".

Os Ancares Dominio Público Praza Pública
Reunión dos órganos de xestión da Reserva da Biosfera dos Ancares lucenses © Deputación de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.