A disciplina de voto no PP impedirá a Galicia abolir as touradas

Concentración de Touradas Fóra de Pontevedra CC-BY TFP

A férrea disciplina de voto no grupo parlamentario popular pon moi costa arriba que Galicia dea o seu primeiro paso para abolir as touradas no país e seguir así o paso de Cataluña. O vindeiro martes 25 de xuño a Cámara debate unha proposición de lei presentada polo BNG para prohibir as corridas de touros mediante a eliminación da excepción normativa que este espectáculo recibe na Lei de Protección dos Animais.

O apoio á proposta para abolir as touradas será unánime no BNG e AGE e maioritario no PSdeG

É a primeira (e histórica) ocasión para que os 75 deputados do Parlamento aclaren a súa postura respecto das touradas, máis tendo en conta que as últimas enquisas realizadas sinalan que o 85% dos cidadáns galegos están en contra desta actividade. O apoio a esta iniciativa nacionalista será total e unánime no grupo do BNG e de AGE e maioritario no PSdeG, sendo as tres formacións fundadoras do recentemetne creado Espazo Parlamentar pola Defensa dos Animais, formado por seis parlamentarios en representación de cada unha das forzas da oposición. A pelota queda no tellado do grupo dos 41 deputados do PP que, malia as diferentes sensibilidades e a recoñecida posición antitaurina dalgún parlamentario, non parece disposto a dar liberdade de voto aos seus parlamentarios.

"Non temos moitas esperanzas porque haberá disciplina de voto férrea, máis aínda tendo en conta a clara e unánime postura do PP no Congreso á hora de intentar declarar as touradas Ben de Interese Cultural e a pesar de que hai tantas sensibilidades diferentes entre deputados e mesmo autonomías", advirte Rubén Pérez, voceiro de Galicia Mellor sen Touradas (GMST), colectivo impulsor da iniciativa xunto ao BNG e que mantén unha campaña en internet con máis de 1.500 apoios na que solicita aos populares que dean liberdade de voto aos seus parlamentarios "por hixiene democrática" e para "permitir que cada deputado decida en función da súa conciencia".

O PSdeG dá liberdade de voto logo de que 11 dos seus 18 deputados se unisen á 'fronte antitaurina' no Parlamento

Así o fará o PSdeG, que deixa a decisión do voto en mans de cada un dos seus deputados, logo de que once dos 18 que ten no seu grupo xa se unisen á fronte antitaurina e asinasen a prol da iniciativa de GMST para pular pola retirada das axudas públicas a estes eventos de "tortura" aos animais. "A solicitude por parte de Galicia Mellor sen Touradas foi individual e a resposta do grupo tamén o será", xustifica Patricia Vilán, voceira socialista de Medio Ambiente no Parlamento, que insiste que "non haberá disciplina de voto" e que o que faga o PP "non lle importa". "Iso é cousa deles", insiste, tras recoñecer que, con tan só "facer un cálculo", a aprobación da iniciativa para abolir as touradas semella case imposible.

O PP non ten previsto dar liberdade de voto no seu grupo, malia que varios deputados xa amosaron o seu rexeitamento ás touradas

De feito, varios deputados do PP, como María Faraldo ou Ángel Camino, deixaron clara o seu rexeitamento ás touradas en máis dunha ocasión e publicamente, incluso en plenos municipais. No entanto, todo semella indicar que a disciplina que marcará o seu grupo impediralles amosar a súa verdadeira postura neste tema. "Por lóxica, e tendo en conta todas as enquisas, o normal é que cando menos quince deputados populares estivesen en contra das corridas de touros", lembra Rubén Pérez. Malia varios intentos, Praza non foi quen de lograr coñecer as intencións do grupo parlamentario conservador ante este debate.

 

"Non é só un tema individual, senón de valores dunha sociedade"

Para Ana Pontón, parlamentaria do BNG, a posición adoptada ante as touradas "non é só un tema individual", senón que "ten que ver cos valores dunha sociedade e co tipo de trato que lle queremos dar aos animais". "O que estaremos trasladando tamén con este debate é o nivel de violencia que a sociedade está disposta a aturar, polo que non ten que ver só coa decisión persoal de cadaquén porque senón non estaría regulado por normas nin teriamos unha Lei de Protección dos Animais", lembra.

"As touradas non teñen nada que ver con Galicia, pero aínda que fosen tradición, seguirían sendo inaceptables", di o BNG

"O que propoñemos coa iniciativa é eliminar unha excepcionalidade que se incluíu nunha lei que é bastanta clara e na que se excúen as touradas, ademais sen ningunha tradición á que apelar", di Pontón, que lembra que este espectáculo "non ten nada que ver coa nosa cultura, senón que é unha imposición", pero que aclara que "aínda que fose tradicional en Galicia, seguiría sendo inaceptable".

Malia as escasas esperanzas de que a proposta saia adiante, Pontón cre que "é importante debater" e trasladar á sociedade os argumentos e posición de cada un, máis cando "o PP reforza e subvencion as touradas desde algunha alcaldía, mentres a inmensa maioría da sociedade é contraria a elas". "Causa certo escándalo que se recorte en servizos básicos para a cidadanía e se sigan mantendo subvencións públicas ás corridas de touros", remata.

Por outra banda, Eva Solla, deputada de AGE, lembra que a crenza unánime no seu grupo é a de que "as touradas e non son tipo ningún de cultura, especialmente nun país que non ten tradición". "É un maltrato a animais e non hai motivo ningún para que sexa unha excepción na súa protección", insiste, tras destacar que "a sociedade xa ten interiorizado o seu rexeitamento a este espectáculo". Aínda así, lamenta que, unha vez máis, "a disciplina de voto do PP impedirá que se manifesten as diferentes sensibilidades que os seus deputados poden ter neste tema, ao igual que ocorreu noutros".

"Haberá deputados do PP en contra das touradas, pero volverá haber disciplina de voto e pasará o de sempre", lembra AGE

"Eu mesma pedín na Cámara ao grupo popular que dese liberdade de voto aos seus parlamentarios á hora de apoioar ou non a petición para que non se reformase a lei do aborto, pero pasou o que pasou e o que pasa sempre", remata, antes de advertir de que está convencida de que hai "deputados e deputadas do PP que non están de acordo coas touradas".

O vindeiro 25 de xuño haberá resposta ás interrogantes sobre un debate que non existe na sociedade galega, clara e maioritariamente en contra das touradas segundo as enquisas. Ademais, e segundo datos oficiais da Xunta, nos últimos cinco anos organizáronse en Galicia tan só 64 corridas de touros concentradas en trece concellos do país, un 4,1% do total. Deses municipios que albergaron espectáculos taurinos só figuran dúas cidades, A Coruña e Pontevedra. Todos eles, ademais, foron financiados con cartos públicos.

 

Xuntanza do EPDA na pasada lexislatura © Libera
Público nas touradas da Coruña, no verán de 2012 CC-BY M. Pereira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.