A drenaxe ácida, a grave e descoñecida consecuencia da mina de Corcoesto

Tractorada contra a mina de Corcoesto CC-BY-SA Salvemos Cabana

Unha das graves consecuencias, e pouco coñecidas, da minería como a que se quere introducir en Corcoesto é a Drenaxe Ácida da Minería (DAM). É unha problemática de actualidade polas consecuencias que provocou nos terreos onde se asentou a mina de Touro. Carme Varela, doutora en Química Orgánica, analiza neste artigo este problema. E faino xusto agora que a Xunta insiste en non descartar de vez o proxecto a ceo aberto en Bergantiños, malia a paralización ordenada polo Goberno galego. "Mineira de Corcoesto ten tempo para un novo proxecto", advertiu o conselleiro de Economía o pasado xoves.

O proceso coñecido como Drenaxe Ácida de Minería (DAM) é un dos problemas máis serios asociados ás actividades mineiras xa que pode contaminar con augas ácidas os ecosistemas e matar moitos organismos como consecuencia dun cambio de pH no seu hábitat. A auga ácida pode tamén incrementar o proceso de desgaste da rocha, disolvendo e liberando os metais pesados e o arsénico que están contidos nela. Estes metais pesados e arsénico poden ser aínda máis nocivos que a propia auga ácida.

As rochas que conteñen xofre (S), como por exemplo as piritas e arsenopiritas, cando son trituradas e expostas á auga e ó aire, liberan ácido sulfúrico. A composición da arsenopirita é 46% arsénico, 34.3% de ferro e 19.7% de xofre. Se este mineral está protexido e illado das condicións ambientais é estable. Pola contra, se se tritura e expón ós axentes ambientais, o xofre en contacto coa auga e o aire, transfórmase en ácido sulfúrico provocando o proceso de Drenaxe Ácida de Minería. Esto pode ter lugar en calquera punto do emprendemento mineiro onde se atopen minerais que conteñen xofre expostos ó ambiente como son cortas, galerías subterráneas, escombreiras, estériles, etc.

"Se se tritura e expón aos axentes ambientais, o xofre en contacto coa auga e o aire transfórmase en ácido sulfúrico provocando o proceso de Drenaxe Ácida de Minería"

Os metais pesados disoltos ó entrar en contacto co ácido sulfúrico producen precipitados de diferentes cores (amarelo, laranxa, vermello), o que resulta nunha característica moi singular desta fonte de contaminación da minería. Estas sustancias pódense estender varios quiilómetros río abaixo da actividade mineira con efectos moi negativos para moitos organismos.

Cabe destacar que, dende que se inicia a actividade dunha mina, poden pasar varios anos antes de que se manifeste a drenaxe ácida (entre un ano e máis dunha década). No entanto, no momento no que esta drenaxe ácida comenza, resulta case imposible de parar xa que é un proceso irreversible. Mentras se proceden as reaccións químicas, a temperatura e acidez das augas aumentan, o que fai que se acelere máis a formación de ácido sulfúrico.

"No momento no que esta drenaxe ácida comenza, resulta case imposible de parar xa que é un proceso irreversible"

A Drenaxe Ácida de Minería é, polo tanto, un problema a longo prazo que pode durar centos e incluso miles de anos. Aínda que con técnicas de neutralización é posible paliar os seus efectos, resulta moi costoso xa que estas técnicas teñen que ser aplicadas por séculos. Por este motivo, cando se avalía un proxecto mineiro deberíase poder garatizar o monitoreo, control, manexo e tratamento da drenaxe ácida durante décadas ou séculos.

Os efectos da mina de Touro, anos despois © Salvemos Cabana
Multitude contra as minas CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.