A eterna polémica que arrodea a xestión do dolmen de Dombate

Centro Arqueolóxico de Dombate, inaugurado en 2011 © Salvemos Cabana

A principios deste 2016, a Deputación da Coruña parecía decidida a retirar o Concello de Cabana de Bergantiños da xestión do dolmen de Dombate. Os informes técnicos do Servizo de Arquitectura e Patrimonio da institución provincial aconsellábano ao descubrírense numerosas eivas nun modelo criticado por varios colectivos. O exceso de visitas, as aglomeracións e a falta de control neste centro de interpretación da xoia do megalitismo galego provocou, segundo plataformas como Salvemos Cabana, riscos para o patrimonio, ao igual que diferentes actuacións que causaran danos nalgunha réplica. 

A Deputación da Coruña renovou o convenio con Cabana malia os informes que alertan dos danos no centro de interpretación do dolmen

Malia as limitacións lóxicas dun patrimonio deste tipo, o rexedor de Cabana, José Muíño, presumía das "20.000 visitas" nun ano que recibira o dolmen de Dombate desde que a a administración local se fixera cargo da súa xestión tras asinar o convenio coa Deputación, que contaba con rachar ese acordo para este 2016. No entanto, o convenio de colaboración acabou por renovarse para todo o exercicio por 60.000 euros entre críticas como as de formacións políticas ou de Salvemos Cabana, que acusaba o organismo provincial dunha "resolución a todas luces inxusta e sen considerar o incumprimento dalgunhas das cláusulas vinculantes recollidas no documento anterior que terían que derivar na anulación do acordo". 

Agora, é AGE quen vén de presentar no Parlamento unha proposición non de lei na que pide que a Xunta adquira o dolmen, censura que non sexa a Administración galega quen xestione o monumento megalítico e advirte das "evidencias" que amosan que "os convenios que actualmente tece a Deputación co Concello de Cabana non son os máis acaídos". Así, lembran a "desfeita" que sufriu a réplica - que custou uns 83.000 euros en 2012- por mor da masificación e que levou a que hai tan só unhas semanas se informase dun necesario proceso de restauración, o que provoca que os visitantes non poidan coñecer as pitnturas do interior do dolmen orixinal, que inaccesible para o gran público. Xa antes, os problemas no monumento eran evidentes, tanto nas pinturas rupestres como no neodolmen

AGE presentou unha moción na que pide á Xunta que se faga coa titularidade do dolmen de Dombate

Malia todo, o convenio entre o Concello e a Deputación marca como obxectivo “que o maior número de xente posible poida achegarse a Dombate”. AGE lembra que a masificación da que presumira o alcalde implica o incumprimento da cláusula 2.1, que obriga ao control do tránsito de visitantes, e que o feito de que se teñan que reparar os desperfectos na réplica supoñen tamén que "houbo incumprimento das claúsulas que obrigan á súa conservación e mantemento (punto 2.2.1.), o que debe conlevar a súa resolución tal como consta de forma expresa na súa cláusula oitava".

AGE entende que un Ben de Interese Cultural (BIC) de "incomparable beleza patrimonial" debe pertencer á Xunta quen, a través da súa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, "debe encargarse de salvagardar, protexer e velar pola integridade do patrimonio cultural galego". "O dolmen de Dombate pertence, pola súa significación e relevancia, a toda Galicia", explica o grupo parlamentario, que cre evidente que "un Concello pequeno ou medio pode moi ben non dispoñer dos recursos necesarios para xestionar un ben patrimonial de envergadura nacional e internacional". "É o que semella acontecer aquí", insiste quen asegura que non se fala "dun ben turístico e de mercado, senón de cultura, educación e identidade dun pobo". 

"Non falamos dun Ben a masificar, senón a dar a coñecer de forma ordenada, equilibrada e lonxe de veleidades privatizadoras"

"Non falamos dun Ben a masificar, senón a dar a coñecer de forma ordenada, equilibrada e lonxe de veleidades privatizadoras", engade en referencia ao cobro de entrada para acceder ao centro de interpretación. Por todo isto, AGE insta a Xunta a "desenvolver as accións oportunas para adquirir a titularidade do dolmen de Dombate e salvagardar a súa integridade a través dunha xestión plenamente pública e orientada a preservar e dar a coñecer, de forma ordenada e equilibrada, este BIC para o goce de toda a cidadanía".

 

A 'Catedral do Megalitismo en Galicia'

O dolmen de Dombate foi dado a coñecer polo historiador Manuel Murguía e o propio Eduardo Pondal inmortalizouno en 1885 no seu poema Queixumes dous pinos. Os primeiros estudos detallados do monumento foron realizados durante o século XX por Parga Pondal e Pérez Bustamante, entre outros, pero non foi ata finais dos anos 80 cando se levaron a cabo escavacións que puxeron de manifesto a súa estrutura de cámara e corredor, con pinturas e petroglifos nas súas lousas, o que fai que este monumento do IV Milenio a.C sexa actualmente considerado como a Catedral do Megalitismo en Galicia.

O monumento é propiedade da Deputación da Coruña, comprado por acordo plenario en 1975 tras a adquisición de terreos cunha superficie total de 715 m² na parroquia cabanesa de Borneiro, e declarado Ben de Interese Cultural (BIC) o 11 de marzo de 1978.

Situación do Dolmen de Dombate en 2005 © Salvemos Cabana

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.