A expansión do 'fracking' nos EEUU incrementa o consumo do carbón en Galicia

O fracking é unha perigosa técnica de extracción de gas natural Dominio Público Praza Pública

O blog de ecoloxismo social e biodiversidade Un claro no bosque analiza o efecto de cadea polo que un meirande uso do gas natural en Norteamérica abarata o prezo do carbón para as centrais térmicas galegas e tamén a exportación de enerxia a Portugal

Para desgusto de algúns, en Galicia non parece haber xacementos dehidrocarburos explotábeis coa impactante técnica do fracking, mais, en calquera caso, o fracking xa impactou negativamente no noso sistema enerxético

Na década de 1980 o carbón (lignito) extraído nas minas das Pontes e de Meirama pasou a dominar a produción eléctrica galega. Na primeira década deste século a achega do carbón de importación á xeración eléctrica superou á do carbón galego, que acabou por se esgotar en 2007. Hoxe todo o carbón queimado nas moi ineficientes e contaminantes centrais térmicas das Pontes (ENDESA) e de Meirama (Gas Natural Fenosa) é de importación. O seu uso diminuiu entre 2007 e 2010, mais recuperouse nos dous últimos anos. En 2012 o carbón liderou novamente a produción eléctrica galega, facendo que volvan aumentar as emisións de CO2 do país, incluso en plena crise económica.

O aumento do consumo de carbón en Galicia, ou no conxunto de España e en Portugal, ten bastante a ver coa baixada do seu prezo nos mercados internacionais. Unha baixada favorecida polo desenvolvemento do fracking (fractura hidráulica) nos Estados Unidos, que aumentou a produción de gas natural reducindo o seu prezo nese país. Como sinala a última edición do World Energy Outlook (WEO), “o prezo baixo do gas natural nos Estados Unidos leva a un menor recurso ao carbón, permitindo ao país exportar carbón para Europa (onde, por súa vez, este combustíbel tende a substituír o gas máis caro)”. Para desgusto de algúns, en Galicia non parece haber xacementos dehidrocarburos explotábeis coa impactante técnica do fracking, mais, en calquera caso, o fracking xa impactou negativamente no noso sistema enerxético.

 

Exportación de enerxia e contaminación

Aproximadamente a metade da produción eléctrica galega non provén de recursos autóctonos senón de combustíbeis fóseis importados do resto do mundo

Desde que existen estatísticas eléctricas oficiais anuais (1958), Galicia produciu todos os anos máis electricidade da que consumiu. Fomos e somos un país exportador de electricidade. Porén, o peso das exportacións a respecto do consumo interno, a natureza e a orixe das materias primas usadas para xerar a electricidade e o destino das exportacións mudaron moito nas últimas décadas. Nos anos sesenta o noso país exportaba, ao resto de España, a maior parte da súa produción, case toda obtida en encoros hidroeléctricos. Hoxe continuamos a exportar electricidade, mais só entre un 25 e un 30% da produción, dependendo do ano. O resto destínase a cubrir un consumo interno que se multiplicou por oito desde 1970. A electricidade exportada segue a viaxar a outras comunidades autónomas mais, sobre todo, a Portugal.

E aproximadamente a metade da produción eléctrica non provén de recursos autóctonos senón de combustíbeis fóseis importados do resto do mundo (ao que, en troques, exportamos os impactos ambientais asociados á súa extracción e transporte). Sen a achega de carbón, gas natural e petróleo importados, Galicia non podería sequera cubrir o seu consumo eléctrico actual, moito menos exportar.

Despois das térmicas de carbón de Sines e do Pego e dos parques eólicos, as importacións desde Galicia foron a terceira maior fonte de electricidade para Portugal durante o pasado ano

Portugal importa electricidade do Estado español, maiormente de Galicia. O saldo dos intercambios de electricidade entre Galicia e Portugal ascendeu a 6.735 GWh (xigavatios hora) durante 2012, segundo o avanzo do informe sobre o sistema eléctrico español en 2012 de Rede Eléctrica de España (REE). Esta cantidade representou algo máis do 10 % do consumo de electricidade no país irmán. Despois das térmicas de carbón de Sines e do Pego e dos parques eólicos, as importacións desde Galicia foron a terceira maior fonte de electricidade para Portugal durante o pasado ano.

Malia o descenso no consumo eléctrico motivado pola contracción da actividade económica, a caída da producción hidroléctrica por causa da seca obrigou a Portugal a importar máis electricidade de España en 2012 que en anos anteriores. Non é raro ouvir que España depende de importacións de electricidade da Francia nuclear mais non é así. España é importadora neta de electricidade de Francia, mais é exportadora neta a Portugal, Marrocos e Andorra, de xeito que exporta moita máis electricidade da que importa.

 

O fracking é unha perigosa técnica de extracción de gas natural Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.