O 23 de xuño de 2009 o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, anunciou no Parlamento o rexeitamento ao Parque Medioambiental de Carballeda de Avia en Ourense e subliñou que o Goberno galego anulaba este proxecto que contaba "co rexeitamento manifesto da maioría social e mesmo dos técnicos do organismo encargado da súa promoción”. Quedaba paralizada deste xeito a instalación no Ribeiro dunha planta de xestión de residuos (non incineradora), semellante á que funciona en Nostián, na Coruña.
O chamado parque medioambiental de Carballeda, que incluía outras empresas relacionadas co tratamento de residuos, espertara durante anos unha mobilización cidadá moi importante na comarca, liderada entre outras entidades, pola plataforma cidadá Temos dereito a Saber. A plataforma centraba a súa oposición nos prexuízos que a planta podía traer para a produción viñateira da comarca, que segundo eles quedaría destruido co vertedeiro "tal como ocorreu en Ascó (Tarragona) e Alcantarilla (Murcia) denominacións de orixe que perderon a categoría por culpa deste tipo de instalacións". E tamén na protección ao turismo termal de Laias, A Arnoia, Berán e Prexigueiro.
O Partido Popular realizou tamén unha oposición moi forte ao proxecto, que contrasta co apoio que neste momento empresta á instalación dunha planta incineradora no Irixo, e que acabou convertida na promesa electoral -cumprida- de Alberto Núñez Feijoo de anular o parque de Carballeda.
Botando a vista a ese proceso, e relacionado coa situación que se está a vivir no Irixo, Carmela Silva, unha das representantes da plataforma, lembra que “nestas situacións se produce unha fractura social tremenda. A xente deixa de saudarse, ou pequenos comerciantes que por estar en contra do proxecto, perderon clientes habituais. E hai unha presión enorme e intromisións políticas tanto entre a xente que apoia a planta, como na xente que se opón. A xente tiña medo. A xente non é tan independente como parece, porque houbo moitas presións, e tamén as vai haber no Irixo".
Silva salienta así mesmo que neste momento "vemos situacións kafkianas, de alcaldes e partidos que estaban a favor da planta de Carballeda, pero que o outro día se manifestaron contra a do Irixo. Ou o caso do Partido Popular, que aquí no Ribeiro se opuxo á planta, e de feito se ao final se paralizou o proxecto foi porque Feijoo o prometeu no seu programa de cara ás eleccións do 2009".
En 2009 o cineasta Pachi Baranda elaborou un documental, titulado Alternativa Cero, que narraba e analizaba o movemento de oposición á planta e que se pode ver integramente na web.