A feira taurina da Coruña tan só vendeu o 20% das entradas pero recibiu máis subvención

Manifestación contra as touradas na Coruña CC-BY-SA gzvideos

A feira taurina supúxolle aos veciños da Coruña máis de 95.000 euros, que xorden da subvención indirecta que o Concello lle outorgou a este espectáculo, un 5% máis que a concedida o ano pasado. Destes cartos beneficiouse a empresa organizadora do evento en conceptos de aforro de taxas polo uso do Coliseum, montaxe, terra ou persoal, entre outras partidas e por tres días de touradas nos que a empresa recadou algo máis de 104.000 euros.

A feira taurina tan só despachou uns 5.000 billetes dos máis de 25.000 que puxo á venda

"É un auténtico choio para a compañía", denunciou o BNG, que foi - xunto con Rubén Pérez, voceiro de Galicia Mellor sen Touradas (GMST) - quen fixo públicos estes datos tras acceder ao expediente do IMCE (Instituto Municipal Coruña Espectáculos), que recolle outras cifras máis que significativas. Concretamente, e segundo os datos oficiais, este ano vendéronse tan só 5.137 billetes dos 25.257 que se puxeron á venda. Pouco máis do 20% das entradas que se podían adquirir nas billeteiras do Coliseum. Pero ademais, na feira taurina regaláronse 2.084 convites, fronte aos 1.919 do pasado exercicio.

O Concello gastou máis na subvención a unhas touradas que tiveron menos espectadores que o ano pasado

Así, tanto a concelleira do BNG Avia Veira como Rubén Pérez insistiron, á vista das cifras, na "necesidade de que o Concello da Coruña lle rescinda o contrato á empresa". A edila nacionalista advertiu de que “un ano máis, os números poñen de manifesto que a feira taurina carece de absoluta afección na cidade” e denunciou que houbo menos espectadores e o Goberno municipal gastou máis na subvención que inxecta pola porta de atrás ás touradas.

Porque en comparación co ano pasado, tomando como referencia o primeiro día de feira taurina, mentres este ano a empresa recadou neste primeiro día un total de 19.757 euros, o ano pasado, no primeiro día recadaba 31.005 euros. En canto ás entradas vendidas para o primeiro día, a empresa vendeu 989 entradas este ano, mentres que o ano pasado vendía 1.140.

A empresa organizadora vendeu menos de mil entradas para a primeira xornada da feira

Cos datos sobre a mesa, a concelleira Avia Veira cualificou de fraude a feira taurina “canto menos asistencia, o Concello pon máis cartos públicos” e sinalou que financiar as touradas é “inmoral” porque se torturan animais e é “impresentábel” dada a escasísima afección. Por iso, a nacionalista pediulle ao Goberno municipal que acabe coa política de “pouco pan e pésimo circo” que ofrece.

Nos mesmos termos se manifestou o portavoz de GMST, Rubén Pérez, que advertiu do “ridículo institucional” practicado polo alcalde Carlos Negreira, dadas as cifras reveladas de asistencia e venda de entradas. Por iso, reclamou a rescisión do contrato de explotación. “Hai suficientes causas de interese público para pedila”, sinalou.

No que respecta ás acusacións da peña taurina, que vinculou a plataforma co BNG, Rubén Pérez insistiu en que o colectivo non recibe ningún tipo de subvención de institucións, nin grandes empresas, nin grupos políticos en cumprimento do seu código ético. Sinalou que “os que acusan de estarmos subsidiados, levan anos recibindo subvencións de administracións públicas como a Deputación”. E advertiu de que de non se retractar o departamento xurídico de GMST adoptará as medidas oportunas por posíbeis inxurias e calumnias.

Touradas no Coliseum da Coruña no verán de 2012 CC-BY M. Pereira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.