A fin da mina de Corcoesto: definitiva ou temporal?

Tractorada contra a mina de Corcoesto CC-BY-SA Salvemos Cabana

Paralización temporal da megaminería ou un punto e final á política mineira extrema? Non hai colectivo social, ecoloxista ou experto que se fíe do anuncio que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, realizou neste martes e que confirmou o rexeitamento ao proxecto que a multinacional Edgwater prevé en Corcoesto. "O Goberno decidiu non autorizar o proxecto ao entender que non acredita actualmente todos os requisitos da lexislación vixente", asegurou o xefe do Executivo, que, no entanto, advertiu tamén que "Galicia sería profundamente inxusta consigo mesma se caese no rexeitamento sistemático de toda proposta de actividade extractiva", ademais de defender a minería como "un elemento tractor de crecemento para o país". Nada estraño se detrás desas intencións non se agochase unha política mineira que supón "unha ameaza" para o país, segundo denuncian as plataformas contrarias á megaminería e as instalacións a ceo aberto.

O caso é que, a falta dunha resolución definitiva da Xunta sobre os trámites que paralizan a mina de Corcoesto, a propia multinacional recoñece que o argumento para vetala é a insolvencia técnica pero, sobre todo, a insuficiencia financeira. Edgewater non logrou reunir o 25% de fondos propios sobre o investimento do proxecto, uns 27 millóns de euros, e que foi a cantidade exixida o pasado mes de xullo pola Administración, cando paralizou temporalmente o plan mineiro. Non foron os enormes riscos ecolóxicos e de valor económico para a comarca os que fixeron desistir ao Goberno galego, que xa outorgara o visto e prace ambiental á compañía a través da protestada Declaración de Impacto Ambiental (DIA).

Foi a insuficiencia financeira, e non os riscos medioambientais, os que provocaron a paralización do proxecto

Diso presume tamén a empresa, que lembra que conta "coa correspondente declaración de impacto ambiental positiva" por parte da Consellería de Medio Ambiente e que advirte de que "mantén a súa intención de desenvolver" os seus plans mineiros en Bergantiños e que "está a ultimar diversas propostas de investidores que pretenden sumarse ao desenvolvemento e execución" dos mesmos, un proceso que "culminará en poucas semanas".

"O rexeitamento á mina non significa unha volta atrás nos plans de entregar o país ás mineiras"

E aí está o risco do que advirten as plataformas contrarias á mina e os colectivos ecoloxistas, que cualifican de "satisfactoria" a paralización do proxecto de Corcoesto, pero que estarán "vixilantes" ante a posibilidade de que outra empresa maior e con maior solvencia financeira -ou incluso a mesma compañía de conseguir investimentos- asuma agora ese mesmo proxecto. Para Adega, por exemplo, o rexeitamento da Xunta, "lonxe de significar unha volta atrás nos plans de entregar o país ás mineiras, evidencia a hipocrisía dunha administración que pedíu solvencia financeira e técnica a Edgewater mentres obviou os riscos ambientais e de saúde dun proxecto delirante".

A Xunta segue adiante co seu plan mineiro, que autoriza minas en calquera lugar especialmente protexido

"En realidade, a Xunta só lle di ás mineiras que o noso ambiente e a nosa saúde véndense máis caras", engade Adega, que lembra o visto e prace ambiental "malia as graves carencias da DIA e os riscos do cianuro". Ademais, recorda que o Goberno segue a tramitar un Plan Sectorial de Actividades Extractivas (Psaeg) -ante o que se presentaron moreas de alegacións- "para laminar os trámites e as garantías ambientais e legais que aínda protexen o territorio". Este plan mineiro permite autorizar minas en calquera lugar especialmente protexido e dá por feito que o proxecto de Corcoesto é "estratéxico".

Ao tempo, a Administración autonómica segue a conceder permisos mineiros. A propia Edgewater goza en Corcoesto destes permisos por 90 anos, uns permisos que, advirten os colectivos anti-mina, a empresa pode revender a outra compañía máis grande e con máis liquidez para que desenvolva o mesmo proxecto, aínda que baixo unha marca diferente.

Os colectivos contra a megaminería advirten de que outra empresa máis solvente podería asumir o proxecto de Corcoesto

"O ouro, aínda que nesas cantidades microscópicas, segue existindo e mentres o prezo continúe elevado, as empresas van insistir. Edgewater, comparado con outras mineiras, é unha compañía pequena", lembra Braulio Amaro, un dos voceiros da plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños. "Noutras partes do mundo, pequenas mineiras acoden a preparar o terreo e, se lle denegan os permisos, recorren a grandes compañías con maior solvencia", insiste, tras advertir tamén que a megaminería "segue a ser unha ameaza latente". "Pero agora terían que empezar de cero e xa non nos collerán por sorpresa", di quen, como o resto de movementos, advirte da necesidade de manter a mobilización contra a política mineira agresiva, a mesma que, en boa parte, fixo recuar unha Xunta superada pola enorme contestación social. Manifestacións, documentais, vídeos divulgativos, concertos, información e mobilización veciñal constante... A ausencia de protestas podería virar as cousas. Non sería a primeira vez.

"Abonda con que aos chineses lles dea por empezar a comprar ouro e que os mercados emerxentes decidan que lles interesan estes proxectos e que os fagan rendíbeis; iso é o gran problema que podemos ter para o futuro", engade Ramón Varela, voceiro da plataforma Salvemos Cabana, que avisa que "chega con que outro promotor cumpra os requisitos económicos que o Goberno lle exixe". Por iso, ambos os dous colectivos insisten en que o seguinte propósito debe ser "deter estas políticas mineiras e estes proxectos definitivamente".

"Seguiremos vixilantes porque non toleraremos que veña outra empresa a intentar facer o mesmo en Corcoesto"

"Seguiremos vixilantes porque, se este proxecto non se vai facer, o que non toleraremos é que veña outro empresa a facelo e a provocar os mesmos danos económicos e medioambientais", insisten ambos. "Esa é a mensaxe que temos que mandar", din. "Mentres o actual marco normativo non peche a porta á megaminaría contaminante, vete o uso do cianuro, e antepoña o ambiente e a saúde das persoas ao beneficio das mineiras, ningún lugar estará a salvo doutro Corcoesto", advirte tamén Adega.

Para Braulio Amaro, o feito de que a Xunta rexeite a mina "por cuestións financeiras e técnicas e non polos riscos medioambientais" non é máis que "outra burrada deste Goberno, que despreza o valor económico e ecolóxico da comarca" e que segue "sen facer unha estimación real e axeitada do impacto que suporía a mobilización de arsénico e o uso de cianuro" na mina a ceo aberto.

"Cancelar o proxecto mineiro de Corcoesto non é perder unha oportunidade, senón seguir vivindo con dignidade"

"Cancelar o proxecto mineiro de Corcoesto non é perder unha oportunidade, senón seguir vivindo con dignidade. É froito do traballo de moita xente en Galicia, da mobilización e da presión social", resume Ramón Varela nunha afirmación compartida polos colectivos que loitaron (e loitan) contra a megaminería. E lembra algunha magnitude que hai veces que parecen esquecerse. "O Prestige verteu 70.000 toneladas de chapapote nas costas galegas; aquí o plan é utilizar cianuro en inmensas cantidades, até 546 toneladas por ano, para recuperar o mineral, xerando máis de 17 millóns de toneladas de residuos tóxicos ao final da vida útil da mina e grandes volumes de po derivado do proceso extractivo potencialmente perigoso para a saúde".

En resumo, unha mina a ceo aberto de 95 metros de profundidade sobre o nivel do mar e ata 300 sobre o terreo para extraer uns 1,6 gramos de ouro por tonelada de rochas. Consumiría 128 quilogramos de cianuro e xeraría 4.000 toneladas de residuos que destaparían 250 quilos de arsénico por cada quilo deste material precioso. Un proxecto que ocuparía 800 hectáreas, pero que podería estenderse a case 90 quilómetros cadrados á vista dos permisos solicitados por Edgewater á Xunta.

Manifestación contra a mina de Corcoesto en Carballo © Salvemos Cabana

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.