A fin do aluguer social da Xunta pode deixar na rúa unha muller viguesa e os seus tres fillos

Remedios e os seus tres fillos © PAH Vigo Tui-Baixomiño

Remedios ten 46 anos e vive en Sárdoma, Vigo, cos seus tres fillos, de 13,15 e 17 anos, e dous deles cunha discapacidade. Está divorciada e foi vítima de malos tratos por parte da súa ex parella. Os catro membros da familia sobreviven cos 426 euros ao mes da renda activa de inserción social e, até agora, cunha axuda de aluguer social da Xunta de Galicia que nos últimos cinco anos veu pagando o 70 por cento do aluguer da súa casa (409 de 568 euros). Porén, estas axudas teñen unha caducidade de cinco anos, e o prazo remata este mes de febreiro, sen que polo de agora a Xunta accedese a renovala.

Se isto non sucede nos vindeiros días, Remedios e os seus tres fillos quedarán na rúa. A PAH de Vigo e o Baixo Miño convocou unha concentración, o vindeiro luns ante a sede da Xunta na cidade, para esixir que a administración lles ofreza unha solución.

Remedios naceu en Francia, onde casou, e dende alí foi vivir a Portugal. Despois, fuxindo do seu marido, trasladouse por distintas vilas e cidades de Galicia, até chegar a Vigo, onde durante anos foi traballando en distintos sectores, como administrativa ou mesmo na construción. Dende que non atopa traballo tivo que depender da renda de inserción social e tamén da axuda emprestada pola Cruz Vermella ou Cáritas. 

Remedios e os seus tres fillos © PAH Vigo Tui-Baixomiño

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.