A Fiscalía da área de Vigo vén de admitir a trámite a denuncia interposta pola Asemblea Aberta de Coia contra o Concello de Vigo e a empresa Civis Global S.L. pola ubicación do pesqueiro Bernardo Alfageme na rotonda da Avenida Castelao da cidade olívica e contra cuxa localización levan semanas loitando os veciños da zona.
A Fiscalía abriu dilixencias de investigación por "posibles delitos de prevaricación, suborno, tráfico de influencias e malversación de fondos públicos"
A Fiscalía, segundo asegura a Asemblea Aberta nun comunicado, abriu dilixencias de investigación penal por "posibles delitos de prevaricación, suborno, tráfico de influencias e malversación de fondos públicos". Dentro destas dilixencias xa se libraron as primeiras citacións para tomar declaracións a finais do mes de xaneiro, segundo o colectivo cidadá.
A denuncia presentada pola asemblea veciñal insiste no incumprimento do Concello de Vigo do procedementos e trámites legais esixidos ante unha obra destas características. "Non existe información económica nin se ten aberto procedemento de adxudicación; ademais, incúmprense as condicións da cesión da titularidade do barco, que sempre foron as de dedicalo a fins culturais e didácticos", aseguran.
A denuncia pide á Fiscalía que se tome declaración ao alcalde Abel Caballero
A Asemblea Aberta de Coia advirte que a denuncia pedía á Fiscalía que tomase declaración ao alcalde da cidade, Abel Caballero, ao concelleiro da área de fomento, David Regades, e tamén aos representantes legais da empresa Civis Global S.L.
Os veciños e veciñas de Coia levan semanas impedindo o inicio das obras na rotonda da Avenida Castelao, unha actuación baseada na instalación alí do barco Bernardo Alfageme, propiedade do Concello, e criticada polo seu elevado custo. A pesar de que o pleno municipal -cos votos de PP e BNG- votou en contra das obras o pasado 22 de decembro (como xa fixera hai dous meses) e a pesar de que o convenio provincial da construción impide realizar estes traballos ata o vindeiro 7 de xaneiro, o Concello de Vigo semella empeñado en completar o seu proxecto. Por iso, grupos de veciños e veciñas do barrio levan tempo na loita.