A Fiscalía arquiva as dilixencias abertas polos abortos sen asistencia no CHUAC

Concentración ante o CHUAC da Coruña © PGDA-A Coruña

A Fiscalía Provincial da Coruña vén de decretar o arquivo das dilixencias informativas abertas logo do escrito presentado polo Defensor do Paciente sobre o trato dado a mulleres que sofren abortos euxenésicos polo persoal do Hospital Materno Infantil da Coruña. Estas foran remitidas pola Fiscalía Superior de Galicia á Provincial para que abrese a correspondente investigación, pero o caso arquívase agora menos de dúas semanas despois de comezar as pescudas. 

A Fiscalía Provincial arquiva as dilixencias informativas menos de dúas semanas despois de comezar coas pescudas

O Ministerio Fiscal xa advertira que os feitos, tal e como estaban relatados, non tiñan encaixo no precepto penal. O Defensor do Paciente asegurara que había "presunta mala fe, denegación de asistencia e dano psicolóxico ás mulleres, con coñecemento de que este se está producindo". Pero mentres non houbese unha denuncia individualizada coa que se puidesen acreditar prácticas ilícitas, os feitos relatados non encaixan en ningún precepto do Código Penal, tal e como aclarara tamén o ex fiscal superior Carlos Varela.

Fora a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto (PGDA) a que denunciara que en varios hospitais públicos galegos -cando menos na Coruña e Ferrol- non se garante a asistencia necesaria aos abortos euxenésicos que superan as 14 semanas, nin a duha matrona nin a do persoal médico axeitado, ou que mesmo as pacientes deben expulsar o feto en solitario nun baño. Varias afectadas relataron as súas duras experiencias e ducias delas contactaron co colectivo para contar tamén o seu caso.

A Xunta anunciou unha investigación ante o recoñecemento, incluso desde o CHUAC, de que a asistencia médica completa non estaba garantida e de que puido haber eivas, pero négase a cambiar a protocolo e rexeita que os problemas se deban aos recortes ou á obxección de conciencia por parte dos profesionais. A alternativa que dá o Sergas para garantir unha asistencia médica completa e o acompañamento continuo da muller é acudir a unha clínica privada en Madrid, opción que tamén é censurada polo que supón de trastorno para as implicadas.

A PGDA intentará presentar unha demanda colectiva de varias mulleres afectadas polas evias na atención sanitaria

Agora, ante este peche do caso, a PGDA celebrará unha xuntanza a vindeira semana para decidir que accións reivindicativas levar a cabo. Ademais, tratará de reunir varias das mulleres afectadas polas eivas na atención sanitaria para "presentar unha denuncia colectiva" alén das demandas que algunhas delas xa puxeron por neglixencia médica. Será unha das formas que teña a Plataforma para que a xustiza actúe ante o precario trato recibido á hora de levar a cabo os abortos euxenésicos. 

Concentración ante o CHUAC da Coruña © PGDA-A Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.