A Fiscalía investiga as eivas na asistencia aos abortos na Coruña

Concentración ante o CHUAC da Coruña © PGDA-A Coruña

A Fiscalía investiga as presuntas irregularidades na atención ás mulleres que abortan no segundo trimestre de embarazo por motivos médicos no Hospital Materno Infantil da Coruña. A Fiscalía Superior de Galicia vén de remitir á Fiscalía Provincial da Coruña o caso das eivas na atención sanitaria que denunciaron varias mulleres nesta cidade, aínda que varios testemuños de afectadas advertiron logo de casos semellantes noutros centros públicos galegos. 

A Fiscalía Superior de Galicia vén de remitir á Fiscalía Provincial da Coruña as presuntas irregularidades na atención aos abortos

Foi a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto (PGDA) a que denunciou que en varios hospitais públicos galegos -cando menos na Coruña e Ferrol- non se garante a asistencia necesaria aos abortos euxenésicos que superan as 14 semanas, nin a duha matrona nin a do persoal médico axeitado, ou que mesmo as pacientes deben expulsar o feto en solitario nun baño. Varias afectadas relataron as súas duras experiencias e ducias delas contactaron co colectivo para contar tamén o seu caso. A Xunta anunciou unha investigación ante o recoñecemento, incluso desde o CHUAC, de que a asistencia médica completa non estaba garantida e de que puido haber eivas, pero négase a cambiar a protocolo e rexeita que os problemas se deban aos recortes ou á obxección de conciencia por parte dos profesionais. A alternativa que dá o Sergas para garantir unha asistencia médica completa e o acompañamento continuo da muller é acudir a unha clínica privada en Madrid, opción que tamén é censurada polo que supón de trastorno para as implicadas.

O Defensor do Paciente enviou o caso á Fiscalía Superior e advirte que "para ser ben atendidas" as mulleres deberían "ter un bebé con malformacións"

Foi o Defensor do Paciente quen enviou á Fiscalía Superior de Galicia unha denuncia na que non evita duras palabras pola situación que sofren estas mulleres que, di, o que terían que facer as mulleres para "ser ben atendidas" é ter "un bebé con malformacións". "Ás que teñen que abortar no segundo trimestre de embarazo non se lles garante que estean atendidas por persoal médico, nin recibir a epidural, e para contar con estes servizos a única alternativa que se lles ofrece é desprazarse a Madrid, vergoñoso e ruín", di o escrito.

Para o Defensor do Paciente, "hai presunta mala fe, denegación de asistencia e dano psicolóxico ás mulleres, con coñecemento de que este se está producindo". Pero mentres non haxa unha denuncia individualizada coa que se poidan acreditar prácticas ilícitas, os feitos relatados non encaixan en ningún precepto do Código Penal, tal e como aclarou á axencia EFE o ex fiscal superior Carlos Varela. 

A polémica e repercusión mediática do caso provoca que interveña a Fiscalía, pero só unha denuncia individual activaría a vía penal

A polémica creada, a repercusión mediática e as versións contraditorias entre as mulleres que denuncian desatención e os profesionais de xinecoloxía fai que interveña a Fiscalía. Por iso, esta activa a investigación nos termos previstos na circular 4/2013 da Fiscalía Xeral do Estado e remite o caso á Fiscalía Provincial da Coruña. 

Desde que se denunciaron os primeiros casos que saíron á luz no Materno Infantil da Coruña, outras mulleres contactaron coa PGDA ou accederon a relatar a súa situación nalgún medio. Varias advertiron da falta de asistencia no CHUAC e tamén no hospital público de Ferrol. Ademais, o CHUO de Ourense admite que no seu centro non se practican desde hai anos abortos de máis de 9 semanas pola obxección de varias matronas. En Praza, unha muller de Ribadeo denunciou tamén como o Sergas non lle ofreceu ningún hospital público en Galicia para levar a cabo un aborto euxenésico con 19 semanas de embarazo e graves riscos para a súa saúde. Tan só lle ofreceu a posibilidade de ir a Madrid.

Concentración ante o CHUAC da Coruña © PGDA-A Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.