A Fiscalía pide 18 meses de cadea para cinco sindicalistas por desordes na folga do 27-X

Concentración de apoio aos sindicalistas procesados CC-BY-SA CIG

18 de meses de cadea para cada un. Esa é a condena que a Fiscalía pide para cinco sindicalistas galegos, catro da CIG e un da CUT, acusados dun delito de desordes públicas e outra contra a seguridade viaria e que terían sindo cometidos durante a folga xeral do 27 de xaneiro de 2011 convocada polas centrais nacionalistas.

O xuízo foi celebrado este luns na na sala do Penal número 3 de Vigo, e nel acusouse os procesados de ser os responsables de cortar o tráfico na zona da Avenida de Madrid cunha barricada formada por carretes de cable eléctrico ardendo. A defensa dos cinco sindicalistas rexeitou as acusacións da Fiscalía e destacaron as continuas "contradicións" dos axentes de Policía, que declararon como testemuñas.

Así, a defensa revelou que non hai análise ningunha do contido dunha das garrafas intervidas polos policías, así como as dúbidas sobre se en realidade viron ou non aos mozos tirala pola ventá dun coche.

Os acusados aseguran que na madrugada daquel 27 de xaneiro dirixíanse a Vigo e atopáronse coa barricada, mentres que a Policía asegura que empezou a arder logo de que eles marchasen, algo que negan os presuntos responsables do acto, que aclaran que foron detidos logo de recoller un compañeiro na súa casa para participar nos piquetes informativos da noite.

Para os avogados, o ocorrido non debería ser tipificado como delito senón, en todo caso, como unha falta administrativa, xa que "non se atentou contra a paz pública nin se puxo en perigo as persoas que puidesen circular pola vía". Un grupo de delegados e responsables da CIG e da CUT concentráronse ás portas do xulgado para apoiar os procesados, que agradeceron as numerosas mostras de apoio.

Concentración de apoio aos sindicalistas procesados CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.