A folga no xulgado de Violencia de Xénero esixe "máis medios" nunha situación "insostible"

O persoal do xulgado de Vigo, en folga © Alternativa na Xustiza - CUT

Os traballadores e traballadoras do Xulgado de Violencia de Xénero de Vigo levaron a cabo este luns a primeira das xornadas de folga parcial (3 horas) convocadas para denunciar a "falta de medios" que padecen, que está a provocar unha "situación insostible" e un "colapso", co adiamento de moitos dos casos. O Xulgado da cidade olívica tramitou neste 2015 ao redor dun milleiro de asuntos, e a metade están sen resolver. O paro repetirase este mércores e venres, e tamén o luns e mércores da semana que vén.

"Se a persoa maltratada ten a sensación de que o seu paso polo xulgado non leva a que se executen de maneira inmediata todas as medidas de protección e axuda, esa persoa acabará por non ir ao xulgado, acabará por non denunciar"

Como destacaba hai uns días en entrevista con Praza o voceiro de Alternativa na Xustiza - CUT, Pablo Valeiras, "reivindicamos medidas e medios de reforzo para poder sacar adiante os casos urxentes. Se non se saca o traballo, as prexudicadas son as mulleres maltratadas". Para Valeiras, o peor desta situación é que esta situación de colapso está a provocar que moitas das mulleres que denuncian violencia machista acaban por pensar que a Xustiza non as pode axudar: "Se a persoa maltratada ten a sensación de que o seu paso polo xulgado non leva a que se executen de maneira inmediata todas as medidas de protección e axuda, esa persoa, que está xa sometida a ameazas e a unha presión psicolóxica moi forte, acabará por non ir ao xulgado, acabará por non denunciar. Ten a sensación que o proceso nunca vai rematar".

No paro levado a cabo este luns, que obrigou o persoal a estender a súa xornada laboral para poder tramitar todos os casos urxentes, denunciouse o "uso electoralista" que a Xunta realiza da loita contra a violencia machista, pois "non amosa interese ningún por rematar con este problema". Sinalouse igualmente a "situación de estrés" que viven os traballadores e traballadoras do Xulgado, con xornadas diarias de 9 ou 10 hora e véndose obrigados e obrigadas a realizar funcións "que non lle corresponden", dende "ofrecer atención psicolóxica, pois non hai ninguén no xulgado de asistencia neste eido, ou quedar cos fillos destas rapazas porque non elas teñen con quen deixalos".

O paro repetirase este mércores e venres, e tamén o luns e mércores da semana que vén

Os traballadores e traballadoras en folga esixen a incorporación dun novo maxistrado ou maxistrada que axude a axilizar o traballo. Demandan ademais a aprobación doutras medidas de apoio, a contratación de máis persoal especializado e a dotación de máis recursos para poder facer fronte aos novos casos de violencia machista que chegan cada día.

O persoal do xulgado de Vigo, en folga © Alternativa na Xustiza - CUT
O paro repetirase este mércores e venres, e tamén a semana que vén © Alternativa na Xustiza - CUT

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.