O peche e as mobilizacións no IES de Brión cumpren unha semana. Nais, pais, alumnado e profesorado reclaman á Xunta o incremento do número de docentes logo de que as matrículas se incrementasen en 31 pequenos neste curso. Neste xoves, tan só nove dos 383 rapaces acudiron a ás aulas tras o chamamento da ANPA a non envialos a clase en protesta polos recortes, un 97% de apoio a un paro que mantén tamén o peche simbólico e por quendas dos últimos oito días.
O paro nas aulas mantense cun apoio do 97% das familias que leva baleirando o IES de Brión varias xornadas
A inspectora da Consellería de Educación insiste en que o aumento de alumnado, pero non de grupos, permite que se manteñan o número de profesores. A dirección do centro e as familias reclaman tres docentes máis para evitar que 61 cativos se "masifiquen" en dous grupos de 4º de ESO, que se perda un docente de reforzo para 3º da ESO ou que se eliminen varias materias optativas de recoñecido éxito en cursos anteriores.
Neste mesmo xoves, o xefe territorial de Inspección Educativa, Fermín Álvarez, aceptou reunirse coa dirección --que presentou a dimisión á Consellería e non lle foi aceptada-- para analizar as súas demandas, pero insistiu en que non había oferta ningunha nin novidades por parte da Xunta. Ante isto, as familias manterán as protestas ata que haxa unha solución. "Non nos ofreceron nada pero polo menos aceptaron falar; mantemos o paro permanente á espera de noticias", explica Tito Souto, presidente da ANPA Pedra Viada do IES de Brión, que tamén aclara que o colectivo agarda por reunirxe "con alguén que teña poder de decisión e non que insista en que non está nas súas mans arranxar o problema".
As familias manterán as protestas ao non recibir oferta ningunha da Xunta para o aumento o número de docentes
As protestas en Brión non son as únicas que se están a desenvolver neste inicio de curso en Galicia pola falta de profesorado, a "masificación" nas aulas ou as consecuencias dos recortes dos últimos anos no ensino. No centro de Infantil e Primaria Barrié de la Maza de Santa Comba, a ANPA mantén tamén mobilizadas as familias, que decidiron volver enviar a rapazada ás aulas pero seguir coas protestas.
Segundo nais, pais e profesorado, a Consellería de Educación prometera a chegada dun docente máis en Santa Comba para poder ter ter tres grupos no 5º curso e evitar así a masificación. A ausencia deste docente obrigará a xuntar o alumnado en tan só dous grupos, o que consideran unha "palabra incumprida" por parte da Administración.
En Santa Comba, as familias manteñen as protestas logo de decidir volver enviar os pequenas ás aulas
En Santiso tamén son varios xa os días nos que o alumnado non é enviado a clase polas familias, que xunto á ANPA do CEIP Arcediago se manifestaron este pasado mércores ante a Xefatura Territorial de Educación na Coruña, a onde se desprazaron nun autobús e vehículos particulares. A única resposta á demanda de máis docentes para evitar agrupar un maior número de nenos nas aulas non foi aceptada e a Consellería tan só aceptou revisar as demandas para o vindeiro curso, aínda que a oferta é mudar o docente compartido con Melide por un a tempo completo.
Nais e pais do alumnado do CEIP de Santiso manifestouse ante a Xefatura Territorial da Coruña na demanda de máis profesores
No CEIP de Roxos (Santiago) e no CEIP Castelao de Ordes, as familias tamén levan días de protesta pola masificación en diferentes aulas de Infantil, onde se poderían xuntar entre 26 e 27 alumnos pola ausencia de profesorado. O BNG xa anunciou que levará ao próximo pleno do Parlamento as demandas de todos estes centros e a súa vicevoceira, Olalla Rodil, xa visitou as familias pechadas. Tamén o PSdeG visitou este xoves a ANPA e algunhas das persoas pechadas no IES de Brión. Ademais, os socialistas, a través da deputada Noela Blanco, presentou unha serie de iniciativas na Cámara para reclamar á Xunta unh terceira aula de segundo ciclo de Educación Infantil no centro de Allariz, onde desde hai meses se levan a cabo tamén protestas para aumentar os medios.
Gonzalo Caballero, Leiceaga e a concelleiro de Ensino de Brión, durante a súa visita ás nais e pais pechadas no instituto / © Concello de Brión
Apoios da oposición e do Concello ás demandas das familias
Durante a súa visita, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e o portavoz parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga, estiveron acompañadas pola concelleiro de Ensino de Brión, Yolanda Bouzas, que lembrou que o pleno da localidade xa "acordou por unanimidade de todos os grupos municipais apoiar a comunidade escolar do instituto en todas as iniciativas que desenvolva para conseguir un número suficiente de profesores que permitan manter un ensino de calidade como o que se vén prestando ata o de agora”.
Bouzas reiterou o “apoio total do Concello de Brión á dirección do centro, ao seu equipo de docentes, á asociación de pais e nais e a toda a comunidade educativa que está mobilizándose de xeito masivo para pedir que se corrixa unha medida que vai en detrimento da calidade de ensino que reciben os nosos mozos e mozas”.
Gonzalo Caballero cre que o caso de Brión é "a punta do iceberg" do "deterioro" que o ensino sofre co Goberno da Xunta
Pola súa banda, Gonzalo Caballero asegurou que en Brión vese "como o PP segue a recortar en materia de educación pública". "O caso de Brión é a punta do iceberg que representa a moitos pais e nais de Galicia que ven como a educación dos seus fillos e fillas está deteriorándose co Goberno da Xunta e como teñen que soportar enormes custos de material escolar, transporte, comedores ou actividades escolares que necesitan do apoio do Goberno”.
Ademais, En Marea anunciou que o seu portavoz, Luís Villares, acompañado de varias deputadas e membros de En Marea manterán este venres unha xuntanza cos nais e pais pechados no IES de Brión.