A Gentalha do Pichel pide apoio tralo roubo que levou os cartos de varios colectivos

Así quedou o local despois do roubo © Gentalha do Pichel

Na madrugada do martes ao mércores o local da Gentalha do Pichel sufriu un roubo. No asalto ao centro social compostelán (Rúa do Espirito Santo, 21) os ladróns levaron unha importante suma de diñeiro, correspondente aos fondos económicos da propia Gentalha e doutros centros sociais de Compostela. Tamén doutras entidades sociais e colectivos que desenvolven a súa actividade neste espazo como Suevia Futebol Gaelico ou o grupo de teatro do Pichel.

Dende a Gentalha destacan que "non é un roubo a unha propiedade privada, senón a proxectos que traballan altruistamente polo colectivo e a cultura de base" e explican que "este roubo deixa nunha situación económica máis precaria do habitual ao tecido asociativo, ás persoas formadoras ou ao traballador do local". Uns cartos, ademais, procedentes de doazóns e do traballo voluntario, activista e altruísta de moitas persoas. A entidade subliña que "só podemos facer fronte a esta situación multiplicando esforzo, artellando actividades e iniciativas solidarias a curto prazo coas que tentar recuperar parte do roubado".

De momento, dende a Gentalha ponse unha conta bancaria a disposición de calquera persoa que queira colaborar co centro social e coas restantes entidades que viron desaparecer os seus aforros: ES10 0081 0499 600001411744

Unha vez que foron limpados os desperfectos producidos polo roubo, o centro social retomou a súa actividade e xa esta fin semana acollerá -o venres- as Jornadas pola okupaçom e -o sábado- un concerto da banda ITH, que presenta “O mínimo que o contén todo”.

O centro fai fincapé ademais na demanda de que as persoas que queiran colaborar co espazo se asocien á Gentalha e, igualmente, que participen na organización da celebración do San Xoán e que asistan a ela, como unha forma de axudar á restitución dos fondos económicos roubados.

 

Así quedou o local despois do roubo © Gentalha do Pichel
Programa de actividades do mes de xuño © Gentalha do Pichel

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.