A IGM pide que se investigue a autoría da pintada fascista na Cruz de Maceira

Monolito situado na Cruz da Maceira CC-BY-SA Bene Riobó

O monumento en recordo das vítimas da represeción franquista instalado hai dous anos pola  Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín no alto de Cruz da Maceira apareceu este semana cuberto cunha pintada fascista: unha bandeira española preconstitucional e a frase "perdedores, fuera de España". Non é a primeira vez que ten lugar un ataque deste tipo, pois xa o pasado mes de decembro o monolito, situado entre Moaña e Marín, fora pintado co escudo do réxime franquista.

A Iniciativa Galega pola Memoria, coordinadora galega de grupos memorialistas, condenou a través dun comunicado este atentado contra o monumento "por todos os valores que representa", e denunciou "a gravidade do acto, en claro desprezo á dignidade das persoas vítimas do franquismo, na defensa das liberdades e da xustiza social, como da orde constitucional naqueles intres".

De igual xeito esixe das autoridades competentes "a pronta e fonda investigación sobre o acontecido, atentado reincidente en pouco espazo de tempo, coas correspondentes medidas e sancións a tal efecto". Finalmente, amosa o seu "apoio solidario" á Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín, prestándose "a participar e colaborar en todo tipo de iniciativa que se presente para poñer en valor o nomeado Lugar da Memoria da nosa comarca, símbolo da recuperación da dignidade colectiva".

O monumento foi inaugurado en abril 2012 e nel pode lerse a dedicatoria "aos que perderon a vida en defensa da liberdade" e tamén os versos de Celso Emilio Ferreiro: "Pode o corpo ser vencido/pode o dereito ser torto/ mais o lume que alampea/mais o lume que alampea/xamais o veredes morto".

Monolito situado na Cruz da Maceira CC-BY-SA Bene Riobó
Pintada fascista realizada esta semana Dominio Público @josealvarez1972

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.