A Igrexa, cada vez con menos voz nos 'Si, quero'

% dos matrimonios exclusivamente civís en Galicia (1996-2014) Dominio Público INE

A relixión e, en concreto, a Igrexa católica, están perdendo peso e importancia na nosa sociedade a un ritmo moi acelerado. Nos hábitos, no ensino, nas prácticas relacionadas co sexo seguro ou na decisión das mulleres sobre os seus corpos a opinión da Igrexa cada vez é menos relevante socialmente. Tamén o é o seu papel en certas prácticas simbólicas, coma as cerimonias de unión matrimonial. A Igrexa comeza a desaparecer mesmo destes ámbitos nos que mantiña unha certa presenza polo poder da tradición.

Segundo os últimos datos publicados polo INE, esta mesma semana, tres de cada catro vodas celebradas en Galicia nos seis primeiros meses do 2014 (73,5%) foron exclusivamente civís, e non realizaron polo tanto unha segunda cerimonia relixiosa para consagrar a unión. O resto, un 26,5%, apenas 869, si que mantiveron este rito, ben a través da relixión católica (a maioría), ben por outras confesións. En Galicia o peso da relixión é aínda menor que no conxunto de España, onde representan o 27,1%.

No ano 2000, oito de cada dez vodas (77,7%) aínda pasaban polas igrexas

Analizando os datos dende 1996 observamos un proceso moi acelerado de desaparición das vodas relixiosas, sobre todo a partir do ano 2000. Así, en 1996, hai 18 anos, oito de cada dez vodas (79,8%) aínda pasaban polas igrexas. Daquela, a proporción de matrimonios católicos e doutras crenzas era maior en Galicia que no conxunto do Estado, onde representaban o 76,9%. Catro anos máis tarde, no 2000, as porcentaxes apenas mudaran, e as vodas exclusivamente eran só o 22,3% do total.

No ano 2000 celebráronse 9.305 vodas nas igrexas galegas. Neste 2014 o número final roldará as dúas mil

O cambio comeza a producirse a partir dese ano, e de forma acelerada. Un lustro máis tarde as vodas non relixiosas eran xa o 36,9% do total, e en 2010 chegaban xa ao 54,5%. A tendencia mantívose nos últimos anos, reducíndose polo tanto as vodas relixiosas, que pasaron do 45,5% do 2010, ao 33,3% do 2013 e ao 26,5% no que levamos de 2014. No ano 2000 celebráronse 9.305 vodas nas igrexas galegas. Neste 2014 o número final roldará as dúas mil.

Ano Matrimonios Pola igrexa Só polo civil  % de vodas civís
2014* 3.530 869 2.595 73,5
2013 8.491 2.834 5.657 66,6
2012 9.420 3.653 5.767 61,2
2011 9.164 3.816 5.348 58,4
2010 9.707 4.415 5.292 54,5
2005 10.938 6.901 4.037 36,9
2000 11.981 9.305 2.676 22,3
1996 11.551 9.212 2.339 20,2

Matrimonios en Galicia pola súa forma (1996-2014). *Os datos de 2014 refírense ao primeiro semestre. Fonte: INE 

% dos matrimonios exclusivamente civís en Galicia (1996-2014) Dominio Público INE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.